A expedición de Galicia pechou a competición con tres metais no Campionato, dous na Copa de España e un meritorio sexto posto da categorís xuvenil feminina.
Rematou o CESA 2025 cun bo sabor de boca para o balonmán galego; o balance foi dunha medalla de prata en categoría cadete masculina, dúas de bronce nas categorías infantís, un sexto posto en xuvenil feminino, un noveno posto (Campión de Copa) en xuvenil masculino e un décimo posto (Subcampión de Copa) en categoría cadete feminina.
A continuación realizamos un breve resumo do que foi o CESA en cada unha das categorías:
INFANTIL MASCULINA
O grupo dirixido por Adrián Menduíña, Carlos Rodríguez e Álex Seijo realizou unha fase de grupos para enmarcar. Encadrado nun dos grupos máis complicados do campionato, no que superou a Comunidade Valenciana, Navarra e Andalucía; Galicia acadou un meritorio primeiro posto que deparou o cruce en cuartos de final contra o combinado de Castela a Mancha, fronte ao que saímos airosos cun claro 30-22.
O encontro de semifinais contra Comunidade Valenciana puxo contra as cordas aos de Mendu, que a pesar de ter opcións durante todo o encontro, non puideron superar os erros de lanzamento nos últimos minutos, materializándose así a vitoria levantina por 27-31.
Na loita polos metais, tras un partido igualadísimo con Andalucía que nos levou á prórroga, os minigalaicos tiraron de casta ata alzarse co bronce co definitivo 29-32.
Un bronce que puido ser perfectamente un ouro, para un equipo que amosou o significado da palabra “competir».
INFANTIL FEMININA
As de Elena Estévez, Danijela Savic e Alberto Rodríguez, comezaron o campionato con bo pé, tras superar a Canarias na xornada inaugural e caer contra Andalucía por dous goles o segundo día, as minigalaicas acadaron repoñerse e materializar a clasificación para cuartos de final cunha vitoria sobre Castela a Mancha por 27 a 25.
Nos cuartos de final, Asturias amosou chegar nun mellor momento, nun encontro marcado polo nerviosismo, as do pobo veciño foron mellores e remataron o encontro con seis goles de vantaxe. Ao pouco tempo de rematar o encontro o Comité de Competición resolvía e comunicaba que Galicia se clasificaba a semifinais pola infracción do regulamento por parte das asturianas, que puxo o marcador nun 10-0 a prol das galegas.
As de Elena Estévez tras repoñerse do acontecido na xornada anterior, aproveitaron a oportunidade; a pesar de caer con Cataluña no encontro de semifinais, plantaron cara e competiron nun encontro moi vibrante que lles aportou a confianza necesaria de cara á loita polo bronce. O último día, venceron con solvencia a Madrid (27-19), o que permitiu celebrar a tan ansiada medalla.
Un merecido premio a un grupo que deprendeu ilusión dende o primeiro minuto.
CADETE MASCULINA
Os de Carla Adad, Gerard Conill e Nerea Bouzón comezaron o campionato do xeito máis duro posible, despois da derrota con Cataluña na primeira xornada, chegaría o empate in extremis coa Comunidade Valenciana. Deste xeito, Galicia chegaba á derradeira xornada da fase de grupos dependo de si mesma, coa moral intacta e a confianza plena do traballo ben feito, os de Carla Abad impuxéronse con autoridade a Euskadi (40-30) na loita polos cuartos de final, resultado argumentado nun xogo que convidaba ao optimismo de cara a afrontar a fase final deste CESA.
Castela e León foi o rival na primeira eliminatoria, na que Carla Abad gañou o pulso a Nacho González por 35-30. Nas semifinais o combinado galego enfrontouse a Comunidade Valenciana, nun encontro que nada tivo que ver co da fase de grupos, 35-33 para os nosos, que ademais de acadar a vitoria, despregaron un xogo colectivo que os convertía en serios candidatos ao título.
Na final, Galicia deu un auténtico recital táctico durante corenta minutos, nos que Cataluña se viu completamente superada; finalmente, os erros de lanzamento e as precipitacións fixeron que o equipo catalán se metese de novo no encontro e levantase unha desvantaxe de seis tantos; 30-29 final para os anfitrións.
Prata que sabe a Ouro, magnífico traballo.
CADETE FEMININA
Non foi o mellor CESA para o equipo dirixido por “Budi” Pedreira, Paco Aguiar e Andrea Abad. Un inesperado empate contra a Rexión de Murcia na xornada inaugural de copa complicou a clasificación para o ascenso. Sen depender de si mesmas, as galegas tiñan claro que a diferencia de goles no encontro con Baleares sería clave para as súas aspiracións de ascenso ao Campionato de España. Un claro 18-45 clasificou ás nosas, deixándoas moi xustas de forzas para afrontar o cruce polo ascenso contra Canarias.
Nun encontro moi igualado contra o combinado insular, os erros de lanzamento e as imprecisións situaron o obxectivo moi costa arriba, e a pesar de forzar a prórroga, chegaron ao final cun 27-29 favorable ás canarias.
Papel difícil o que tiveron as de Budi a partir de aí na fase final de Copa, pero o combinado galego soubo repoñerse e competir ata o final, superando a Cantabria e Castela e León, e caendo na final por dous goles (34-32) contra Aragón. Finalmente as galegas proclamáronse subcampioas da Copa de España.
Un CESA moi duro para as nosas cadetes, que amosaron a súa capacidade para competir ata o final independentemente do obxectivo.
XUVENIL MASCULINA
Os de Luis Montes, David Iglesias e Manolo Montes proclamáronse campións da Copa de España, un premio ao esforzo dun grupo que mereceu moito máis. O combinado galego superou con contundencia a Extremadura e La Rioja na primeira fase.
O sorteo para o cruce de ascenso deparou o peor rival posible, Castela A Mancha. No encontro, a pesar de loitar ata o final, o combinado galego caeu por tres goles de diferencia (37-34), os nosos non puideron facer nada ante a superioridade do xogador rival Marcos Fis, que anotando dezanove goles levou ao seu equipo ao Campionato de España.
Os de Luis Montes repuxéronse e seguiron amosando a súa implicación e seriedade na competición, superaron de maneira clara a Canarias, Asturias e na final a unha gran Navarra (35-39). O combinado galego proclamouse campión da Copa de España.
Un equipo que puido merecer máis, e que a pesar de non poder acadar o ascenso deixou un gran sabor de boca co xogo despregado e a súa forma de competir.
XUVENIL FEMININA
Ismael Martínez, Anxo Otero e Inés Hernández comandaron a unha xeración que prometía unha gran capacidade para competir, e non decepcionaron a ninguén.
O combinado galego amosou un gran oficio superando a Euskadi (finalista) na xornada inaugural e a Castela A Mancha o segundo día. O xogo realizado polo equipo de Isma facía soñar á afección galega. A derrota ante Comunidade Valenciana coa clasificación para cuartos materializada non fixo dudar das aspiracións de este equipo.
En cuartos de final, fronte a Navarra, cun gran plantexamento táctico por parte das galegas, acadaron facer fronte a un equipo moito máis físico e con máis profundidade no banco. Os erros de lanzamento claros en momento decisivos condenaron ao equipo de Isma, caendo por un axustado 35-32.
Na loita polos postos do 5º ao 8º, Galicia superou a Andalucía nun auténtico partidazo, e caeu o último día contra Madrid (39-36) materializando o definitivo sexto posto no CESA 2025.
O combinado galego tivo unha dirección maxistral que de seguro nos dará moitas alegrías no futuro.
A Federación Galega de Balonmán valora moi positivamente os resultados deste CESA, Bruno López, presidente, comentou: “estamos moi contentos porque estamos a dar un paso adiante a nivel competitivo nos últimos anos, aínda que somos conscientes de que a medida que aumenta a categoría partimos dunha desvantaxe física importante con respecto ás comunidades que se atopan no Top 4; toca seguir traballando e desfrutar destes resultados, que son froito do esforzo de todo o balonmán galego”.
Dende a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer a gran afluencia e comportamento da afección galega durante todo o campionato, e por suposto, dar o maior dos recoñecementos aos/ás xuvenís de segundo ano que desfrutaron do seu último CESA coma xogadores/as, sodes un orgullo para o balonmán galego.