Máis de 350 partidos, máis de 150 equipos e un ambiente espectacular fixeron da proba galega do Arena Handball Tour unha auténtica festa do deporte.
Do 4 ao 6 de xullo, a Praia de Silgar, en Sanxenxo, converteuse na capital do balonmán praia estatal coa celebración do Arena 1000 Sanxenxo 2025, unha das probas do Arena Handball Tour, organizado pola Real Federación Española de Balonmano e a Federación Galega de Balonmán. Esta competición nacional non sería posible sen o patrocinio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, así como a colaboración do Concello de Sanxenxo.
Durante toda a fin de semana disputáronse máis de 350 partidos en 8 pistas, acollendo a 150 equipos e máis de 2000 deportistas nas categorías infantil, cadete, xuvenil e sénior, tanto en categoría masculina como feminina. A competición arrancou o venres 4 ás 9:00h e concluíu o domingo 6 de xullo coa final sénior masculina ás 13:00h.
O ambiente na praia foi espectacular, con milleiros de persoas que se achegaron ata Silgar para desfrutar dos partidos, moitas delas veraneantes ou veciñanza da vila que se sumaron á festa do balonmán. A música, o speaker e a animación fixeron das bancadas unha auténtica celebración deportiva.
A pista central retransmitiuse en directo a través do canle de YouTube da RFEBM, mentres que as finais sénior feminina e masculina foron emitidas en directo por Teledeporte, permitindo seguir dende toda España o espectáculo vivido na costa galega.
Resultados destacados e presenza galega no podio
Un dos momentos máis especiais foi a final infantil masculina, que deixou un derbi galego entre os clubs Area Bueu Portomaior e BMP Painkillers.
Equipos galegos destacados:
- Area Bueu Portomaior – Campión infantil masculino
- Petanca – Campión infantil feminino
- VEBA A Jradiña Iberport CM – Subcampión cadete masculino
- BMP Painkillers – Subcampión infantil masculino
Ademais, a Real Federación Española de Balonmán fixo entrega do Premio Fair Play ao club Area Bueu, polo seu comportamento exemplar e espírito deportivo durante toda a competición, o cal recibiron da man do presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López.
Valoración institucional
Na cerimonia de clausura e entrega de premios, estiveron presentes:
- Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán
- Xisela Aranda, directora de Deportes da Deputación de Pontevedra
- María Deza, concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda do Concello de Sanxenxo
- Miguel Ángel Valero, presidente do Comité Técnico de Árbitros da RFEBM
- Daniel Santos, coordinador xeral do Arena Handball Tour
- Blas Parrilla, vicepresidente da RFEBM e responsable de balonmán praia
Durante o evento, destacouse o orgullo colectivo por acoller unha proba de primeiro nivel estatal e pola excelente organización e implicación da vila de Sanxenxo.
As declaracións institucionais poden consultarse nas redes sociais da FGBm:
- Declaracións de Bruno López, Presidente da Federación Galega de Balonmán
- Declaracións de Xisela Aranda, Directora de Deportes da Deputación de Pontevedra
- Declaracións de María Deza, concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda do Concello de Sanxenxo
Presenza internacional e nivel de élite
O evento contou tamén coa presenza dunha parella arbitral internacional: António Oliveira (Portugal) e Volodymyr Filonenko (Ucrania), unha mostra máis da proxección e calidade do balonmán praia galego dentro e fóra das nosas fronteiras.
O Arena 1000 Sanxenxo 2025 confirmou unha vez máis que Galicia é terra de balonmán praia, e a Praia de Silgar, un escenario privilexiado para seguir facendo medrar esta modalidade que loita por ser olímpica en Los Ángeles 2028.






