Irene Vilaboa foi noticia esta semana tras confirmarse o seu compromiso coa SD Teucro, para poñerse ao fronte do equipo de División de Honra Prata Masculina. Esta fichaxe é histórica, por ser a primeira muller que adestra un equipo masculino na elite do balonmán español, pero Irene non quere ser portadas por iso, “a noticia quizais sexa porque non hai máis mulleres nestes cargos de responsabilidade”. Hoxe quixemos compartir uns minutos con ela e coñecer un pouco máis a unha adestradora cunha longa traxectoria.
–Cando e como comezas a estar vinculada ao balonmán?
Os meus comezos son no colexio, da man de Quique e Luís Lora, que eran os meus profesores nese momento, e desde o principio sabía que o que máis me gustaba deste deporte era a portería.
– Como foron vos teus inicios como adestradora… Por que apostas por esta faceta?
Sempre tiven claro que quería ser adestradora, os meus inicios foron no Bm Sárdoma, o club de á beira de casa, onde alternaba a miña faceta de adestradora coa de xogadora.
– Pódese dicir que viviches moitas experiencias ao longo da túa carreira como adestradora.. Seleccións galegas e nacionais, moitas categorías… Cal destacarías?
Non podo destacar ningunha, todas me achegaron visións e formas distintas, de traballar. É un bo complemento o traballo do día a día nun club, co traballo nas seleccións, onde as planificacións e a organización son distintas, a máis curto prazo, e permíteche coñecer formas de traballar doutras comunidades ou doutros países.
– E agora ou Teucro, un histórico do balonmán. Como recibiches a noticia?
Recibín a noticia con ilusión, dentro da responsabilidade que conleva adestrar a un equipo na División de Honra Prata, nun dos clubs históricos galegos.
«Considérome unha adestradora de balonmán, independentemente do xénero que se adestre»
Irene Vilaboa
– Que supón para ti ser a primeira muller en poñerse ao fronte dun equipo masculino da elite do balonmán nacional?
É quizais a pregunta que máis me fixeron estes días… Sinceramente gustaríame que iso non fose noticia, a noticia quizá sexa o porqué non hai máis mulleres nestes cargos de responsabilidade. Considérome unha adestradora de balonmán, independentemente do xénero que se adestre.
-Unha vez máis formando tándem coa túa irmá?
Si, complementámonos ben, entendemos o balonmán da mesma forma, e é fundamental para nós o traballo en equipo.
-Como afrontas a vindeira tempada dada a situación actual?
Con incerteza, evidentemente, pero con moita ilusión.
Debes ser identificado introducir un comentario.