VILAGARCÍA VIBRA COA COPA E SUPERCOPA GALICIA 2025: EMOCIÓN, RIVALIDADE E BALONMÁN A REBENTAR

O mellor balonmán galego reuniuse no Pavillón Municipal Sara Gómez, no Complexo Deportivo de Fontecarmoa, cunha xornada chea de intensidade e protagonistas de luxo

Vilagarcía de Arousa converteuse este domingo na capital do balonmán galego coa celebración das finais da Copa Galicia e da Supercopa Galicia 2025, unha cita que encheu o Pavillón Municipal Sara Gómez, no Complexo Deportivo Fontecarmoa, de emoción, rivalidade e espectáculo deportivo.

Copa Galicia Feminina: A.D. Carballal – Helvetia Saeplast Bm Cañiza

A mañá de finais da Copa Galicia arrancou cun auténtico partidazo entre a A.D. Carballal e o Helvetia Saeplast BM Cañiza, dous equipos que ofreceron intensidade, emoción e balonmán de alto nivel dende o primeiro minuto.

O encontro mantívose igualado durante toda a primeira metade, cun Carballal moi metido en defensa e un Cañiza que, grazas ao seu xogo combinativo e a gran eficacia baixo paus, chegou ao descanso cunha mínima vantaxe (11-12).

Na segunda parte, o Carballal non deixou de loitar e apertou con forza nos minutos finais, mais o Cañiza, que levaba catro anos consecutivos clasificándose para a final, conseguiu esta vez facer valer a súa experiencia para impoñerse finalmente por 23-24.

A gardameta María Machuca foi protagonista indiscutible, realizando paradas decisivas e erixíndose como clave na vitoria do seu equipo, o que lle valeu ser elixida MVP da final.

Copa Galicia Masculina: Valinox Novás – Lirón Teucro 80 Aniversario

A segunda final da xornada de Copa Galicia enfrontou ao Valinox Novás e ao Lirón Teucro 80 Aniversario, nun encontro cheo de intensidade dende o primeiro minuto. Ambos conxuntos propuxeron un xogo rápido e eficaz, demostrando por que están chamados a ocupar a parte alta da táboa na Primeira Nacional. 

O Novás, que esta tempada militará na categoría nacional, chegou ao descanso cunha vantaxe de 14-11, asentando as bases dun xogo sólido e deixando claro que o obxectivo estará tamén en pelexar por meterse en fase de ascenso.

Na segunda metade, o Teucro apertou ata o final, e o partido acabou resolvéndose nos últimos instantes cunha loita defensiva de moito nivel por parte de ambos equipos. Finalmente, o Valinox Novás impúxose por27-26, proclamándose campión da Copa Galicia Masculina.

O xogador Diego Prada, dos rosaleiros, foi determinante coas súas accións decisivas e resultou elixido MVP da final.

Supercopa Galicia Masculina: Club Cisne Colegio Los Sauces – Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas

A primeira das Supercopas da tarde enfrontou ao Club Cisne Colegio Los Sauces e ao Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas, partido derbi marcado pola intensidade e o nivel competitivo.

O conxunto de Asobal fixo valer a súa categoría, pero atopouse cun Cisne valente e combativo, que lle plantou cara durante os 60 minutos. Ao descanso o marcador reflectía a mínima vantaxe dos de Cangas (14-15), deixando todo por decidir para a segunda metade.

No reinicio, os de Quique Domínguez puxeron unha marcha máis e lograron abrir fenda, pero o Cisne non baixou os brazos e asinou un gran treito final que apertou o encontro. Todo quedou decidido nos derradeiros 10 minutos, onde a maior experiencia dos cangueses resultou clave para asegurar a vitoria.

28-30 final proclamou ao Frigoríficos do Morrazo Balonmán Cangas campión da Supercopa Galicia Masculina 2025.

Supercopa Galicia Feminina: Conservas Orbe Zendal Balonmano Porriño – Mecalia Atlético Guardés 

A Supercopa Galicia Feminina mediu ao Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño e ao Mecalia Atlético Guardés, nun encontro que arrincou marcado polas defensas. A igualdade foi máxima durante a primeira metade, con poucos espazos en ataque e un marcador moi axustado ao descanso (10-11).

Na reanudación, o partido colleu outro ritmo: os ataques impuxéronse ás defensas e os contraataques convertéronse en protagonistas, ofrecendo un espectáculo de ida e volta. Neste escenario emerxeu a figura da gardameta do porriño, Isabela Rodrigues, MVP do encontro, que resultou decisiva con intervencións clave para decantar a final.

27-23 final coroou ao Conservas Orbe Zendal Balonmán Porriño como campión da Supercopa Galicia Feminina 2025, levando o trofeo á casa e pechando unha xornada histórica para o balonmán galego.

Un evento que, unha vez máis, puxo en valor o nivel competitivo e o crecemento constante do balonmán galego, reunindo aos mellores equipos e xogadores da comunidade nunha xornada inesquecible.

Tamén atraeu a todos os afeccionados e afeccionadas ao balonmán de Galicia, cun Sara Gómez a rebentar, convertido nun auténtico caldeiro de paixón e entrega polo noso deporte.