Europa, ascensos e Top 8 nacionais para un balonmán galego que continúa medrando e deixando pegada dentro e fóra das pistas.
O balonmán galego pechou unha fin de semana para o recordo. Días de emoción, éxitos e fitos históricos que volven confirmar o gran momento que atravesa o noso deporte, tanto na base como na élite, e que deixan unha nova páxina dourada para o balonmán da nosa comunidade.
A gran guinda chegou na tarde do domingo, cando o Mecalia Atlético Guardés se proclamou campión da EHF European Cup, converténdose no primeiro equipo galego en conquistar un título europeo de balonmán.
Nun Pavillón da Sangriña completamente cheo, sen un só asento libre e cun ambiente espectacular, o conxunto miñoto culminou unha tempada histórica levantando o trofeo continental diante da súa afección. Un éxito que chega apenas un ano despois do subcampionato europeo acadado polo Conservas Orbe Zendal Balonmano Porriño, confirmando así o enorme nivel competitivo do balonmán galego tamén a nivel internacional.
Pero os éxitos do fin de semana comezaron xa días antes. Entre o mércores 20 e o sábado 23 disputáronse as fases finais do Campionato de España infantil e xuvenil masculino, cos equipos do Luceros representando ao balonmán galego entre os oito mellores conxuntos do país.
O As Casiñas Luceros finalizou na sétima posición estatal na categoría infantil masculina, mentres que o Buenas Migas Luceros rematou oitavo de España na categoría xuvenil masculina. Un magnífico peche de tempada para ambos equipos, que ademais lograran proclamarse campións galegos nas súas respectivas categorías.
Xa na xornada do domingo, tamén chegaron grandes novas desde as fases de ascenso nacionais. O Planciber Seis Do Nadal – Coia conseguiu o ascenso á División de Honra Prata Feminina tras impoñerse no encontro definitivo da fase disputada durante toda a fin de semana. O conxunto vigués culmina así unha gran campaña e asegura a súa presenza na terceira categoría estatal do balonmán feminino para a próxima tempada.
Poucas horas despois, outro nome propio do balonmán galego sumaba un novo éxito ao seu currículo. O técnico galego Sergio Mallo logrou o ascenso á Liga ASOBAL co Fertiberia Puerto Sagunto tras superar a eliminatoria final polo ascenso. O equipo dirixido polo adestrador galego venceu ao Anaitasuna nas semifinais e derrotou posteriormente ao Fundación Agustinos Alicante nunha final tremendamente igualada que se decidiu por un só gol.
Todos estes resultados forman xa parte da historia recente do balonmán galego. Un deporte que segue medrando ano tras ano, consolidándose como referente a nivel estatal e tamén internacional, e demostrando que o traballo de clubs, deportistas, técnicos, directivos e afección continúa dando os seus froitos.
Os éxitos deste fin de semana son tamén unha inspiración para toda a base, para as nenas e nenos que cada día enchen os pavillóns soñando con chegar algún día onde hoxe están os seus referentes. Porque o balonmán galego non deixa de avanzar, de competir e de facer historia.
Parabéns a todos os clubs, xogadoras, xogadores, técnicos e afeccións por seguir levando o nome de Galicia ao máis alto. O camiño continúa, e o futuro do balonmán galego ilusiona máis ca nunca.















