A XIRA GALEGA DE BALONMÁN PRAIA XUNTA DE GALICIA 2026 XA TEN AOS SEUS NOVOS CAMPIÓNS GALEGOS

Vilagarcía de Arousa puxo o broche final a unha edición marcada polo crecemento da modalidade, o alto nivel competitivo e a consolidación do circuíto autonómico.

Praia da Compostela, en Vilagarcía de Arousa, foi durante esta fin de semana o escenario da cuarta e derradeira proba da Xira Galega de Balonmán Praia Xunta de Galicia 2026, unha cita que puxo o punto e final ao circuíto autonómico e que serviu para coroar aos novos campións galegos de balonmán praia en todas as categorías.

Despois de catro probas disputadas ao longo da tempada, as dúas primeiras en Bueu, a terceira en Muros e esta última en Vilagarcía de Arousa, o circuíto despídese confirmando o excelente momento que atravesa o balonmán praia galego. O aumento da participación, o crecemento das licenzas específicas da modalidade e o alto nivel competitivo demostrado polos clubs ao longo de toda a tempada consolidan unha competición que continúa medrando ano tras ano.

Durante toda a fin de semana vivíronse encontros de gran intensidade nas distintas categorías, nos que cada punto resultou decisivo para definir a clasificación xeral da Xira.

Campións galegos 2026

A clasificación final da Xira Galega de Balonmán Praia Xunta de Galicia 2026 quedou establecida do seguinte xeito (1º, 2º e 3º clasificados):

  • Alevín mixto: Area Bueu Ermelo, Area Bueu Cela e Area Bueu Beluso.
  • Infantil masculino: VEBA A Jradiña Iberport, Area Bueu Portomaior e Taberna A Mina Petanca.
  • Infantil feminino: BMP Petanca, Area Bueu Bon e Area Bueu Lagos.
  • Cadete masculino: Area Bueu Portomaior, BMP Petanca e VEBA A Jradiña Iberport.
  • Cadete feminino: BMP Petanca B, VEBA Baywatch Galserco e Area Bueu.
  • Xuvenil masculino: BMP Petanca, VEBA A Jradiña Iberport e BMP Painkillers.
  • Xuvenil feminino: BMP Anubia Petanca, Area Bueu e VEBA Baixo Miño Amarante Abogados.
  • Sénior masculino: Area Bueu, BMP Painkillers e VEBA Os da Jrada Elta 2000.
  • Sénior feminino: AC Kaló Painkillers, VEBA Baywatch Puppy’s e VEBA Lemurs Dos Chata.

Recoñecemento ao talento individual

A Federación Galega de Balonmán tamén distinguiu ás xogadoras e xogadores máis destacados da competición coa entrega dos premios MVP de cada categoría.

Na categoría alevín mixta, os galardóns recaeron en Lois Miranda (Area Bueu Cela) e Nuria Piñeiro (Area Bueu Ermelo). En infantil masculina, o recoñecemento foi para Xoel González (VEBA A Jradiña Iberport), mentres que en infantil feminina a MVP foi Valentina Eiras (BMP Petanca).

En categoría cadete, os premios foron para Jacobo Lamas (BMP Magaluf Petanca) e Daniela Fernández (BMP Petanca A), mentres que en xuvenil foron distinguidos Óscar González (VEBA A Jradiña Iberport) e Sara Limés (BMP Anubia Petanca).

Finalmente, nas categorías sénior, os MVP recaeron en Martín Cadilla (Area Bueu) e Lucía Villamarín (AC Kaló Painkillers).

Unha modalidade que non deixa de medrar

A edición 2026 da Xira Galega de Balonmán Praia volve confirmar o excelente estado de saúde dunha modalidade que continúa medrando en Galicia. O incremento do número de licenzas, a consolidación de novos equipos e o alto nivel competitivo demostrado durante todo o circuíto reflicten o traballo que clubs, deportistas e Federación están a desenvolver nos últimos anos para impulsar o balonmán praia na comunidade.

A Federación Galega de Balonmán quere agradecer a implicación da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e da Deputación de Pontevedra, dos concellos anfitrións, dos clubs organizadores, do colectivo arbitral e de todas as entidades colaboradoras que fixeron posible o desenvolvemento dunha nova edición da Xira.

Co remate desta cuarta e última proba, baixase o pano a Xira Galega de Balonmán Praia Xunta de Galicia 2026, unha competición que volveu converter os areais galegos no mellor escenario para o balonmán praia e que deixa unha tempada chea de emoción, espectáculo e grandes momentos deportivos. Agora chega o momento de facer balance, descansar e comezar a preparar unha nova edición que permita seguir impulsando unha modalidade que non deixa de crecer e que volverá reunir, o vindeiro ano, aos equipos do balonmán praia galego arredor dunha nova ilusión compartida.