A SUPERCOPA REXIONAL IBÉRICA GALICIA – PORTO CHEGA ESTA FIN DE SEMANA Á GUARDA

A Sangriña acollerá os días 19 e 20 de setembro a segunda edición da Supercopa Rexional Ibérica Galicia – Porto, unha competición que reunirá aos equipos campións de Galicia e da Associação de Andebol do Porto da tempada 2025/2026 en oito encontros desde categoría infantil ata sénior.

A conta atrás remata. A Supercopa Rexional Ibérica Galicia – Porto 2026 chega esta fin de semana á Guarda para converter o Pavillón Municipal da Sangriña no escenario dunha competición única que reunirá aos mellores equipos de Galicia e do norte de Portugal.

Durante dúas xornadas, o balonmán galego e portugués volverán verse as caras nunha cita que continúa medrando tras a súa primeira edición en Matosinhos e que este ano se celebra por primeira vez en Galicia.

O BALONMÁN GALEGO E PORTUGUÉS MÍDENSE NA SANGRIÑA

A Supercopa Rexional Ibérica Galicia – Porto enfronta aos equipos campións de Galicia e aos equipos campións da Associação de Andebol do Porto da tempada 2025/2026 en todas as categorías, desde infantil ata sénior.

O torneo permitirá vivir oito encontros ao longo da fin de semana, converténdose nun auténtico escaparate do balonmán de ambos os dous territorios e nun espazo de encontro entre clubs, xogadores e xogadoras de Galicia e Portugal.

CATRO ENCONTROS FEMININOS PARA ABRIR A COMPETICIÓN

sábado 19 de setembro será a quenda das categorías femininas, cunha xornada que reunirá ás campioas galegas fronte ás campioas do Porto.

Horario da xornada feminina:

  • 11:00 h | Infantil feminino
    • SAR Rodavigo – Almeida Garrett
  • 13:00 h | Cadete feminino
    • Atlético Guardés – Almeida Garrett
  • 16:30 h | Xuvenil feminino
    • Calfrima Carballal – Almeida Garrett
  • 18:30 h | Sénior feminino
    • Planciber Seis do Nadal – Sport Club Nun’Álvares

O DOMINGO SERÁ A QUENDA DAS CATEGORÍAS MASCULINAS

domingo 20 de setembro completarase a competición coa disputa dos encontros masculinos.

Horario da xornada masculina:

  • 11:00 h | Infantil masculino
    • As Casiñas Luceros – IE CIC / Academia Claret
  • 13:00 h | Xuvenil masculino
    • Disalmo Luceros – Cale
  • 16:30 h | Cadete masculino
    • Buenas Migas Luceros – Aguas Santas
  • 18:30 h | Sénior masculino
    • SAR OPMobility – Aguas Santas

UN EVENTO PARA DESFRUTAR DO BALONMÁN DURANTE TODA A FIN DE SEMANA

A Supercopa Rexional Ibérica Galicia – Porto chega á súa segunda edición coa vocación de consolidarse como unha competición de referencia dentro da cooperación deportiva entre Galicia e Portugal.

A presenza de categorías femininas e masculinas, desde a base ata sénior, permite reunir nun mesmo evento ás mellores xeracións do balonmán galego e portugués e seguir fortalecendo os vínculos entre ambas as dúas federacións.

A entrada aos encontros será libre, polo que a Federación Galega de Balonmán anima á afección a achegarse á Guarda e desfrutar dunha fin de semana de balonmán con protagonismo para os clubs campións de Galicia e do Porto.

A GUARDA, EPICENTRO DA SEGUNDA EDICIÓN

Tras o seu nacemento en Matosinhos, a Supercopa Rexional Ibérica Galicia – Porto celebra este ano a súa primeira edición en territorio galego, dando un novo paso na consolidación dun proxecto que aposta pola cooperación transfronteiriza a través do balonmán.

Durante os días 19 e 20 de setembro, A Sangriña converterase no punto de encontro do balonmán galego e portugués nunha cita que promete dous días de competición, convivencia e moito balonmán.