A COPA 5X5 DE BALONMÁN NA RÚA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA 2026 CHEGA A POIO COMO SEGUNDA PARADA DO CIRCUÍTO

A Praza da Chousa acollerá, do 25 ao 27 de setembro, a segunda sede da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026, unha cita gratuíta dirixida ás categorías benxamín e alevín que volverá converter as rúas da provincia nun gran escenario para o balonmán.

Tras o exitoso arranque do circuíto en Cangas, a Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 continúa o seu percorrido pola provincia e fai parada por primeira vez no Concello de Poio, unha nova sede que se incorpora a esta edición coa intención de encher as rúas de deporte, música, convivencia e moita diversión.

A competición celebrarase na Praza da Chousa durante tres días, do venres 25 ao domingo 27 de setembro, reunindo a nenos e nenas das categorías benxamín e alevín para desfrutar dunha experiencia diferente, dinámica e completamente gratuíta.

O BALONMÁN TOMA A PRAZA DA CHOUSA

A actividade arrancará na tarde do venres 25 de setembro, dando comezo a unha fin de semana na que a Praza da Chousa se converterá nunha auténtica pista de balonmán ao aire libre.

Ao longo do sábado disputaranse os encontros da fase de grupos, mentres que o domingo pola mañá chegará o momento máis esperado da competición coa disputa das semifinais, os encontros polo terceiro e cuarto posto e as finais, antes da entrega de premios que pechará esta segunda sede do circuíto.

INSCRICIÓN GRATUÍTA

A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 está dirixida ás categorías benxamín e alevín (nados entre 2015 e 2018, ambos incluídos), e conta con inscrición totalmente gratuíta.

Todos os nenos e nenas interesados en participar nesta segunda sede xa poden formalizar a súa inscrición a través da páxina oficial da competición, non é preciso xogar ao balonmán.

Ligazón de inscrición: 5x5pontevedra.fgbalonman.com

UN CIRCUÍTO QUE SEGUE PERCORRENDO A PROVINCIA

A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 continúa levando o balonmán a espazos públicos da provincia, achegando este deporte ás rúas e promovendo unha forma diferente de vivir a competición.

Poio recolle agora a testemuña de Cangas e converterase na segunda parada dun circuíto que rematará en Vigo, mantendo unha proposta que combina deporte, participación, música, sorteos e actividades para toda a familia.

Do 25 ao 27 de setembro, a Praza da Chousa será o punto de encontro para todos aqueles nenos e nenas que queiran vivir unha nova fin de semana de balonmán na rúa.