As inscricións están abertas desde o 11 de setembro para rapazas e rapaces de entre 6 e 16 anos.
A Federación Galega de Balonmán retoma as Escolas Deportivas da Deputación de Pontevedra, integradas no programa O Noso Club, unha iniciativa gratuíta que busca achegar o deporte á infancia e á mocidade da provincia.
UN ESPAZO PARA DESCUBRIR O BALONMÁN
O Noso Club é un programa diverso e accesible no que as nenas e nenos poden iniciarse no deporte ou continuar aprendendo, independentemente do seu nivel ou experiencia previa.
No caso do balonmán, as escolas ofrecen un espazo para xogar, aprender, facer amizades e compartir experiencias, sempre desde unha perspectiva formativa e participativa. O obxectivo é que cada participante se sinta parte dun verdadeiro club e goce do deporte máis alá do resultado.
As actividades están dirixidas a rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos e son completamente gratuítas.
OBXECTIVOS DAS ESCOLAS
As Escolas Deportivas da Deputación de Pontevedra teñen como principais obxectivos fomentar a práctica do balonmán desde idades temperás, mellorar as capacidades físicas e técnicas das persoas participantes e transmitir os valores deportivos e sociais asociados ao noso deporte.
O programa tamén pretende aumentar o número de licenzas, apoiar o crecemento dos clubs e contribuír á creación dunha estrutura sólida para o desenvolvemento do balonmán na provincia.
COLABORACIÓN CON CENTROS, CLUBS E CONCELLOS
A FGBM traballa coa comunidade educativa, os clubs e as entidades locais para promover o balonmán nos centros escolares e crear ou consolidar escolas deportivas en diferentes municipios da provincia de Pontevedra.
Esta colaboración permite achegar a actividade a novos espazos e facilitar que as familias coñezan as opcións dispoñibles na súa contorna para continuar practicando balonmán.
FORMACIÓN E ACTIVIDADES
A metodoloxía combina sesións de iniciación e aprendizaxe, formación para monitores e monitoras e encontros deportivos entre centros e municipios.
Ao longo do programa tamén se organizarán torneos e actividades que permitan aplicar o aprendido, favorecer a convivencia e vivir o balonmán desde unha perspectiva lúdica e formativa.
INSCRICIÓNS GRATUÍTAS
As inscricións están abertas desde o 11 de setembro. Recordamos que o programa O Noso Club é totalmente.
As Escolas Deportivas da Deputación de Pontevedra representan unha nova oportunidade para que máis rapaces e rapazas, descubran o balonmán e se acheguen aos clubs da súa contorna.




