O IFEVI vivirá o 8 de novembro un España – Portugal de balonmán con sabor a revancha

A Deputación de Pontevedra acolleu en Vigo a presentación do partido da EHF EURO Cup, con entradas á venda desde 5 euros en entradas.fgbalonman.com

Vigo, 19 de outubro de 2026. A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu este luns a presentación oficial do partido entre as seleccións absolutas masculinas de España e Portugal, que se disputará o domingo 8 de novembro, ás 18:00 horas, no IFEVI. O encontro, correspondente á EHF EURO Cup, traerá a Galicia os Hispanos e unha das seleccións con mellor presente do balonmán europeo.

O acto, conducido por Carlos Rodríguez, da Federación Galega de Balonmán, contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; da vicepresidenta segunda e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, e do presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López Molina. Durante a presentación proxectouse o vídeo promocional do evento e presentouse o cartel oficial.

Bruno López Molina destacou que «traer a Vigo un España – Portugal é un fito para o balonmán galego, nun momento no que o balonmán de máximo nivel necesita máis visibilidade, eventos coma este supoñen un grande impulso para reforzar o gran traballo que están a facer os nosos clubs. Queremos encher o IFEVI e que a afección galega sexa o oitavo xogador dos Hispanos nun partido que, pola nosa proximidade con Portugal, ten un significado moi especial». 


Un clásico ibérico camiño do Europeo 2028

España e Portugal organizarán, xunto con Suíza, o Campionato de Europa masculino de 2028, polo que teñen xa praza asegurada no torneo final. No canto da fase de clasificación, ambas as seleccións disputan a EHF EURO Cup, competición na que tamén toman parte Suíza e a vixente campioa continental, Dinamarca. A selección española chegará a Vigo o xoves 5 de novembro, despois de disputar o seu encontro en Dinamarca.

O partido chega cun claro aliciente de revancha para os Hispanos, xa que Portugal gañou os tres últimos enfrontamentos entre ambas as seleccións. O máis recente foi no Europeo de 2026, en Herning (Dinamarca), onde os lusos se impuxeron por 27–35 nun partido no que os irmáns Francisco e Martim Costa sumaron 13 goles. Semanas antes, no Torneo Internacional de España disputado en Pamplona, Portugal remontou unha desvantaxe de seis goles para gañar por 31–34 e levar o título. E no Mundial de 2025 a selección portuguesa venceu por 29–35 na segunda fase, un triunfo que a situou por primeira vez entre as oito mellores dun Campionato do Mundo.

Entradas desde 5 euros

As entradas están á venda na plataforma entradas.fgbalonman.com. A entrada xeral (maiores de 16 anos) custa 16 euros e a xuvenil (de 6 a 16 anos), 5 euros. Os menores de 6 anos acceden gratis acompañados dun adulto con entrada.

A organización ofrece tamén unha Experiencia VIP por 40 euros por persoa (compra mínima de dúas entradas), que inclúe mesa privada para grupos de ata seis persoas, vista desde unha zona superior, consumicións, servizos exclusivos e acceso preferente á sinatura de autógrafos ao remate do encontro. As entradas VIP poderán adquirirse ata o 2 de novembro. As portas do IFEVI abriranse ás 17:00 horas.

O partido está organizado pola Real Federación Española de Balonmano e a Federación Galega de Balonmán, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o IFEVI.