A COPA 5X5 DE BALONMÁN NA RÚA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CHEGA ESTA FIN DE SEMANA AO IFEVI

Do 6 ao 8 de novembro, Vigo acollerá a última parada da terceira edición do circuíto, nunha fin de semana na que o balonmán base e o internacional compartirán protagonismo.

A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 chega esta fin de semana ao IFEVI, onde do venres 6 ao domingo 8 de novembro se celebrará a última sede desta terceira edición. O recinto feiral vigués converterase durante tres días nun punto de encontro para os equipos das categorías benxamín e alevín, nunha cita que volverá combinar deporte, competición e diversión arredor do balonmán.

TRES DÍAS DE COMPETICIÓN NO IFEVI

O formato 5×5 será o protagonista dunha fin de semana na que os máis pequenos e pequenas poderán desfrutar do balonmán nun ambiente diferente, con partidos, música e actividades nun espazo preparado para achegar este deporte a novos públicos.

A competición en Vigo pechará o percorrido da Copa 5×5 por Cangas, Poio e Vigo, consolidando unha iniciativa que busca promover a práctica deportiva desde as categorías de base e ofrecer ás familias e participantes unha experiencia de convivencia arredor do balonmán.

Os horarios e o calendario completo dos encontros poden consultarse na web oficial da competición: 5x5pontevedra.fgbalonman.com.

UNHA FIN DE SEMANA COMPLETA DE BALONMÁN

A celebración da Copa 5×5 coincidirá tamén coa presenza dos Hispanos en Vigo. A selección española absoluta enfrontarase a Portugal o domingo 8 de novembro, ás 18:00 horas, no IFEVI, polo que o recinto acollerá unha fin de semana especialmente dedicada ao balonmán, desde as categorías de formación ata a competición internacional.

Desde a Federación Galega de Balonmán anímase á cidadanía a achegarse ao IFEVI durante estas xornadas, desfrutar dos encontros da Copa 5×5 e quedar para apoiar os Hispanos no seu compromiso ante Portugal. Para o encontro internacional quedan xa poucas entradas dispoñibles, polo que se recomenda adquirilas con antelación a través das canles oficiais de venda (https://entradas.fgbalonman.com/)

A última parada da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra 2026 será así unha nova oportunidade para vivir o balonmán en Vigo e compartir unha fin de semana na que este deporte será o gran protagonista.