DEPORTE, ESPECTÁCULO E FESTA NO ALL STAR MIXTO DA FGBM “XACOBEO 21-22”

Vai pola segunda edición, pero o All Star mixto da Federación Galega de Balonmán “Xacobeo 21-22” ameaza con converterse nun clásico polas festas Do Nadal para pechar o ano.

Hoxe Pontevedra acolleu esta festa na que houbo unha mestura de todo: Deporte, concursos, música e solidariedade. A entrada ao evento era gratuíta pero a Federación solicitara que o público colaborase con alimentos non perecedoiros para entregar a Banco de Alimentos de Vigo, na súa delegación de Pontevedra. E se o evento comezou coa solidariedade, terminou sendo un gran espectáculo. Primeiro deportivo, cos concursos e o partido All Star mixto e despois musical, coa actuación de Broken Peach, que obsequiou ao público con varias cancións do Nadal e un gran espectáculo de luz e son.

Houbo gañadores dos concursos, si, e aínda que non era o máis importante, si que merecen o recoñecemento. No concurso de lanzamentos Miguel Casal (BM Culleredo) e Lucía Rodríguez (Pavillón Ourense) proclamáronse vencedores; no de 7 metros os gañadores foron Cinthia Belo (Reconquista de Vigo) e Adrián Areal (BM Tui) e, no de habilidades o triunfo foi para  Cinthia Belo (Reconquista) e David Veloso (UB Lavadores).

E a continuación o partido das estrelas, no que o espectáculo e o compañeirismo foron os principais protagonistas. Ao final, o resultado 35-30 para o equipo verde, pero iso foi o de menos. O importante foi a unión que amosou o balonmán galego unha vez máis.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *