Novos cursos para árbitros/as e anotador(a)/cronometrador(a). A Federación Galega de Balonmán abriu o prazo de inscrición duns cursos de anotador/cronometrador e de árbitro de iniciación, que se realizarán de forma on-line, co obxectivo de favorecer que as e os interesados poidan realizar esta formación dende casa e adaptado ás súas posibilidades horarias.
Curso árbitro/a iniciación/aspirante. O curso divídese en dúas fases, unha de iniciación (BM5) e outra de aspirante (BM7) cunha única matrícula. A primeira fase teórica desenvolverase dende que se xunte un grupo de 20 persoas (iniciación BM5). A segunda fase teórica celebrarase uns meses despois, con datas pendentes de confirmar. O curso terá unha carga lectiva de 162 horas, das cales 120 serán en prácticas. O prazo de inscrición vai do 19 de novembro ao 31 de decembro e para poder realizalo o interesado/a ten que ter os 14 anos cumpridos.
A finalidade deste curso é que o alumnado adquira os coñecementos e habilidades necesarias para obter a titulación federativa e poder arbitrar na FGBM. Para superalo, hai que aprobar as dúas fases do mesmo. O alumnado durante a tempada 2020/21 terá a consideración de árbitro en prácticas. Será na tempada seguinte (2021/22) cando se lle considere árbitro aspirante da FGBm, pasando a formar parte da plantilla arbitral galega.
Neste enlace podedes informarvos sobre o curso e realizar a preinscrición.
Curso anotador(a)/cronometrador (a). O período de inscrición vai do 19 de novembro ao 10 de xaneiro e o curso aínda non ten as datas de celebración determinadas, para o apartado teórico (16 horas). As prácticas, 60 horas.
Para poder realizar este curso debes ter 16 anos e contar co título de graduado en Educación Secundaria.
No seguinte enlace tedes toda a información ao respecto deste curso.
E non esquezades que para facer a preinscrición, debedes estar afiliados no sistema Misquad. No caso de que non esteades afiliados, deberedes realizar previamente o proceso de afiliación na páxina principal da web ( https://hub.misquad.es/misquad-balonmano/) e posteriormente xa poderedes facer a preinscrición. Unha vez que tanto a afiliación como a súa preinscrición sexan validadas polo administrador, teredes acceso ao curso na vosa área privada.
Debes ser identificado introducir un comentario.