A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa da Deputación da Coruña chega esta fin de semana ao Concello de Narón, convertendo a localidade nunha auténtica festa do balonmán e do deporte base.
Esta parada do circuíto, organizada pola Federación Galega de Balonmán coa colaboración da Deputación da Coruña, promete unha xornada chea de xogo, música, sorteos e animación para todas as idades. O obxectivo é claro: fomentar o deporte, ofrecendo unha actividade lúdica, saudable e aberta a todos.
A participación está aberta a todos os nenos e nenas que queiran desfrutar do balonmán dun xeito diferente. Mesmo aqueles que non estean inscritos previamente poderán achegarse ata a instalación, falar cos compañeiros da Federación e participar directamente, porque a Copa 5×5 está pensada para o desfrute de todos.
Desde a Federación Galega de Balonmán anímase a toda a veciñanza de Narón e arredores a achegarse e vivir esta experiencia única, nun ambiente de convivencia, deporte e diversión.
A Copa 5×5 da Deputación da Coruña segue sumando paradas e consolidándose como unha das actividades referenciais no calendario deportivo galego, facendo posible que o balonmán siga chegando cada vez a máis vilas e a máis xente.
Ligazón para a inscrición: https://balonmano.misquad.es/detalle_inscripcion_actividad.php?id_actividad=MTk%3D
Vémonos en Narón para seguir desfrutando do mellor balonmán na rúa!