A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa da Deputación de Pontevedra 2025 pechou esta fin de semana o seu percorrido cun espectacular fin de festa no Concello da Estrada, onde multitude de nenos, nenas e familias encheron de deporte, ilusión e ambiente a praza do concello da vila.
Durante tres días, a Estrada converteuse no epicentro do balonmán galego ao aire libre, nun evento que combinou competición, diversión e participación, fiel ao espírito desta Copa 5×5 que volveu demostrar que o balonmán é un deporte para todos e todas.
O circuíto, que percorreu nas últimas semanas diferentes concellos da provincia, pechouse cunha fin de semana incrible tanto a nivel deportivo como social, cunha alta participación e un ambiente cheo de música, sorteos e animación.
Desde a Federación Galega de Balonmán queremos expresar o noso máis profundo agradecemento á Deputación de Pontevedra, principal impulsora e patrocinadora deste proxecto, por facer posible unha iniciativa que combina promoción deportiva, convivencia e valores, e que achega o balonmán ás rúas de toda a provincia. Grazas á súa aposta decidida polo deporte base e polos proxectos de proximidade, hoxe podemos falar dunha Copa 5×5 consolidada e en crecemento continuo.
Tamén queremos recoñecer o apoio dos concellos participantes, que colaboraron activamente na organización e na cesión dos espazos, e, por suposto, ás familias, que foron parte esencial desta festa: animando, xogando e compartindo coa Federación o obxectivo común de facer medrar o noso deporte.
Sen ningunha destas pezas (institucións, concellos e familias) nada disto sería posible. A súa implicación e entusiasmo permiten que desde a Federación sigamos a traballar ano tras ano para fomentar o balonmán galego e levar o deporte a cada recuncho da nosa comunidade.
A Estrada despediu así unha nova edición da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa, poñendo o punto final perfecto a catro semanas de xogo, ilusión e moita paixón polo balonmán.
Desde a Federación Galega de Balonmán só podemos dicir:
Grazas a todos e todas por facelo posible!














