A edición número LI da Copa do Rei de Balonmán comeza hoxe coa disputa da primeira rolda, unha xornada na que Galicia contará con tres equipos participantes: Frigoríficos del Morrazo Balonmán Cangas, Club Cisne Colegio Los Sauces e Attica21 Hotels OAR Coruña.
O primeiro equipo galego en entrar en escena será o Frigoríficos del Morrazo Balonmán Cangas, que hoxe ás 17:00h visitará ao Fundación Agustinos Alicante. Os cangueses chegan a esta eliminatoria tras unha derrota na última xornada de ASOBAL fronte ao Dicorpebal Logroño La Rioja, antes da pausa competitiva pola ventá internacional, pero coa ambición de reaccionar e avanzar na competición copeira.
Pola súa parte, Club Cisne Colegio Los Sauces e Attica21 Hotels OAR Coruña estrearanse mañá mércores ás 20:00h, ambos como locais.
O Club Cisne Colegio Los Sauces recibirá ao Sanicentro Balonmano Guadalajara no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, mentres que o Attica21 Hotels OAR Coruña fará o propio fronte ao Viveros Herol Balonmano Nava no Pavillón San Francisco Javier da Coruña.
Esta será ademais unha cita moi especial para o Attica21 Hotels OAR Coruña, que regresando esta tempada 2025/26 á División de Honra Prata, debutará na Copa do Rei. Os coruñeses chegan ademais nun bo momento anímico, tras vencer na súa última xornada ligueira ao Barça Atletic a domicilio por 36-37, nun final de máxima emoción.
No caso do Club Cisne Colegio Los Sauces, o conxunto pontevedrés caeu a pasada fin de semana no Municipal ante o UBU San Pablo Burgos 20-29, máis afronta esta eliminatoria con vontade de reacción inmediata e de recuperar sensacións ante a súa afección.
Unha oportunidade para acompañar aos nosos equipos
Dende a Federación Galega de Balonmán animamos ao público galego a apoiar aos nosos equipos nesta primeira rolda, especialmente a quen poida achegarse aos pavillóns de Pontevedra e A Coruña, que vivirán nesta primeira semana de competición copeira dous auténticos partidos de máxima intensidade.
- Pontevedra – Pavillón Municipal dos Deportes
- A Coruña – Pavillón San Francisco Javier
Galicia e o balonmán galego volve, un ano máis, a estar ben representada nunha competición histórica e cargada de simbolismo.
Arrinca a Copa do Rei!
Moita sorte aos tres equipos galegos nesta primeira rolda!



