A XIRA GALEGA DE BALONMÁN PRAIA 2021 COMEZA ESTA FIN DE SEMANA COA PROBA CONCELLO DE BUEU

A Xira Galega de Balonmán Praia 2021, despois do parón do pasado verán, regresa ás nosas praiascon cambio de imaxe e un novo formato.Esta fin de semana comezará coa disputa da proba Concello de Bueu na que xa están inscritos setenta equipos de todas as categorías (sénior, xuvenil, cadete, infantil (masculino e feminino) e alevín mixto).

Hoxe tivo lugar, nos xardíns situados diante do Concello de Moaña, o acto de presentación da Xira Galega. No mesmo participaron a alcaldesa de Moaña e presidenta da Confederación de Concellos do Morrazo; Leticias Santos; o presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López; a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas; o tenente de alcalde de Bueu, Xosé Leal; os deputados provinciais Santos Héctor e Ana Laura Iglesias; o xefe provincial de Deportes, Daniel Benavides e os concelleiros de Deportes de Moaña, Dolores Chapela; de Cangas, Geno González e de Bueu, Ricardo Verde. Ademais, quixeron apoiar este evento coa súa presenza o xogador internacional Pedro Rodríguez e o xogador do B Cangas, Manu Pérez, que foron os encargados de explicar o diferente que é o balonmán praia, e non só polas normas diferentes, senón polo ambiente que se crea e no que se forma unha gran familia.

O presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, destacou a colaboración das institucións para poder levar adiante este evento, así  como  a aposta por unha nova imaxe e loxística, que será moi visible a partir desta mesma fin de semana en Bueu.

Pola súa banda, a presidenta da Mancomunidade de Concellos do Morrazo e alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, sinalou “o mérito da Federación Galega de Balonmán, que chega cunha proposta para unirnos aos tres concellos e levar adiante este trofeo. Os tres concellos que formamos Mancomunidade do Morrazo somos concellos nos que o deporte se vive dunha forma moi especial, e a nosa xente vai desfrutar moito do balonmán na praia”. E tamén destacou que “é fácil implicarse en proxectos deportivos, cando te dan case todo feito, como foi o caso da Federación Galega de Balonmán”.

Porque esta nova etapa comeza xa, cunha xira formada por dous torneos e cinco probas en total. O primeiro é o torneo Mancomunidade de Concellos do Morrazo, formado por tres probas (Bueu, Moaña e Cangas). A continuación disputarase o Torneo Galicia Xacobeo 20-21, coas probas de Sanxenxo e Marín. A xira rematará en Marín a fin de semana do 23, 24 e 25 de xullo.

O Balonmán Praia regresa dous anos despois, xa que o pasado verán non puido haber competición pola pandemia da COVID-19. Este ano, coas medidas de protección necesarias, volve a competición, coa que xa soñan as e os deportistas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *