A XIRA GALEGA DE BALONMÁN PRAIA 2022 COMEZA ESTA FIN DE SEMANA COA PROBA CONCELLO DE BUEU

Hoxe celebrouse o acto de presentación da Xira Galega de Balonmán Praia 2022, que comeza esta fin de semana coa disputa da Proba Concello de Bueu.

Na presentación participaron o alcalde de Bueu, Félix Juncal; a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos; a alcaldesa de Cangas, Victoria Portas; o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, e o presidente en funcións da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, ademais de representantes de varios clubs galegos. Durante o acto homenaxeouse as dúas seleccións galegas que acadaron medalla no CESA de balonmán praia disputada a pasada fin de semana en Sanxenxo. Así, estiveron presentes Adrián Menduiña, Rubén Costas e Xurxo Otero (infantil masculina) e Laura Barros, Ariana Fernández, Uxía Fernández e Celia Couñago (cadete feminina).

O presidente en funcións da Federación Galega de Balonmán agradeceu a aposta da Mancomunidade de Concellos do Morrazo polo balonmán praia, nunha contorna privilexiada, como é a península do Morrazo e destacou que o Concello de Bueu foi “pioneiro” no balonmán praia hai xa moitos anos. Ademais agradeceu o apoio de Xunta e Deputación de Pontevedra en todas as actividades organizadas pola Federación.

Pola súa banda, as autoridades destacaron a importancia do traballo dos clubs, así como do turismo deportivo, que “vai dar un empurrón á hostalería, que estivo moi prexudicada durante a pandemia”.

Xira Galega de Balonmán Praia. Son catro as probas que conforman a Xira Galega de Balonmán Praia 2022. As dúas primeiras, que se disputarán en Bueu e Moaña, forman o Torneo Mancomunidade de Concellos do Morrazo, patrocinador principal da nosa Xira. Posteriormente celebraranse o Torneo Concello de Moaña e a Copa Federación.

Mañá venres comeza na praia Banda do Río, a primeira proba do Torneo Mancomunidade de Concellos do Morrazo. En total están inscritos 86 equipos das categorías alevín (16), infantil (20), cadete (17) xuvenil (10) e sénior, con 10 equipos na categoría feminina e 13 na masculina.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *