ARRINCA A  XIRA GALEGA DE BALONMÁN PRAIA XUNTA DE GALICIA 2025

Esta tarde presentouse na Casa do Deporte de Vigo a Xira Galega de Balonmán Praia Xunta de Galicia 2025, o circuíto autonómico da modalidade que máis medrou nos últimos anos na nosa comunidade, cunha cifra que supera os tres mil federados e federadas, e que aspira a converterse en deporte olímpico en Los Ángeles 2028.

O acto contou coa presenza de:

  • D. José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
  • Dª. Xisela Aranda, Directora de Deportes da Deputación de Pontevedra.
  • Dª. Isabel Quintás, Tenente Alcalde e Concelleira de Limpeza e Residuos do Concello de Bueu.
  • D. Bruno López, Presidente da Federación Galega de Balonmán.
  • D. Manuel Castro, Presidente do Bueu Atlético Balonmán.

A Xira celebrarase integramente na Praia Banda do Río de Bueu, con catro pistas de xogo, e constará de catro probas ao longo dos meses de xuño e xullo:

  • Proba 1 – Torneo Deputación de Pontevedra Clasificatorio Arena 1000: do 12 ao 15 de xuño
  • Proba 2 – Proba Xunta de Galicia: do 26 ao 29 de xuño
  • Proba 3 – Proba Concello de Bueu: do 10 ao 13 de xullo
  • Proba 4 – Proba Turismo Rías Baixas: do 24 ao 27 de xullo

Cada unha destas etapas contará con máis de 90 equipos participantes e un total estimado de 1.200 xogadores e xogadoras, divididos/as en cinco categorías masculinas e femininas: alevín, infantil, cadete, xuvenil e sénior.

Debido á alta demanda e á limitación de espazos dispoñibles durante o verán nos areais galegos, a Federación Galega de Balonmán estableceu un acordo coa Associaçao de Andebol do Porto, que permitirá aos equipos galegos que non consigan praza na Xira participar no circuíto portugués, puntuando igualmente para a competición autonómica.

Ademais, Galicia será tamén sede dunha das probas máis importantes do Arena Handball Tour nacional, coa celebración do Arena 1000 de Sanxenxo na Praia de Silgar, do 4 ao 6 de xullo, coa participación dos dous mellores equipos galegos clasificados en cada categoría.

Este circuíto é posible grazas ao apoio institucional da Consellería de Deportes e Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas, así coma a dos concellos de Bueu e Sanxenxo, así como ao labor organizativo do Bueu Atlético Balonmán.

A Xira Galega de Balonmán Praia Xunta de Galicia 2025 reafirma o compromiso da Federación Galega de Balonmán coa promoción desta espectacular modalidade, achegando o balonmán a todas as idades e facendo de Galicia un referente estatal no balonmán praia.

Animamos a toda a cidadanía a achegarse hoxe mesmo á Praia Banda do Río e vivir o espectáculo do balonmán praia ao longo de todo o verán, nun circuíto feito por e para o noso deporte.