COMEZA O ESPECTÁCULO DOS NOSOS PREBENXAMÍNS

Os nosos prebenxamíns xa comezaron a dar os seus primeiros pases na pista de xogo. A competición, que se realiza por primeira vez a nivel de toda Galicia, iniciouse a pasada fin de semana e estará composta por oito torneos que se celebrarán de forma simultánea na zona norte e sur de nosa comunidade.

É unha competición de balonmán 5, mixta e sen resultado ao remate dos partidos. O obxectivo final é que estes nenos e nenas (de idades comprendidas entre os 4 e os 7 anos) coñezan  o noso deporte, gocen da experiencia de enfrontarse a outros equipos, aprendan a competir e, por riba de todo, pasen un bo rato en compañía de máis nenos e nenas.

E precisamente iso foi o que puidemos ver na primeira xornada desta competición, celebrada a pasada fin de semana en Culleredo. Moitas gañas de pasalo ben, de xogar e de facer amigos! En Culleredo houbo unha alta participación, xa que acudiron a este torneo 13 equipos, mentres que en Salceda, a outra sede, non se puido celebrar por culpa da condensación na pista. Esta fin de semana (7 e 8 de febreiro) celebrarase o segundo torneo, que será organizado por Línea 21 na Coruña e polo Rebusca 46 en Ribadavia.

Os clubs inscritos na competición deben participar en alomenos cinco concentracións das oito programadas, pero poden elixir a cales acoden. Iso si, a última das probas, que coincidirá co día do balonmán na Rúa (a finais do mes de maio), é obrigatoria para todos os participantes).

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *