O Pavillón Pablo Herbello acollerá esta fin de semana a fase decisiva polo ascenso á 1ª Autonómica, pechando o calendario de Final 4 da tempada.
A Final 4 da 2ª Autonómica foi presentada na mañá deste xoves nun acto celebrado no Estaleiro de Purro, un dos espazos máis representativos da vila de Bueu e hoxe convertido en museo. O evento serviu para presentar a fase final que decidirá os equipos que lograrán o ascenso á 1ª Autonómica, máxima categoría do balonmán galego, e que se disputará esta fin de semana no Pavillón Pablo Herbello.
No acto estiveron presentes Daniel Benavides, xefe do Servizo de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia; Félix Juncal, alcalde do Concello de Bueu; Ricardo Verde, concelleiro de Deportes do Concello de Bueu; María Elena Estévez, voceira do Partido Popular; Manuel Castro, presidente do Bueu Atlético Balonmán; así como Bruno López, presidente da Comisión Xestora da Federación Galega de Balonmán, e Carla Abad, membro da Xunta Xestora da Federación Galega de Balonmán. A presentación contou tamén coa presenza de integrantes do corpo técnico e de xogadoras do equipo sénior do club anfitrión, que competirán esta fin de semana na fase final feminina.
Durante a presentación púxose en valor o papel do Bueu Atlético Balonmán, que por segundo ano organiza unha Final 4, destacando nesta ocasión a ilusión do equipo feminino por disputar esta fase decisiva na casa. Un club que ademáis xa ten organizado eventos como os sectores nacionais, entre eles, o Top 8 Infantil Feminino a pasada tempada. Desde o club resaltouse o orgullo de volver competir por un ascenso diante da súa afección, nun escenario que se prepara para vivir unha gran fin de semana de balonmán.
O Pavillón Pablo Herbello converterase así no epicentro do balonmán galego para pechar o calendario de Final 4 desta tempada. Un recinto cun nome histórico dentro deste deporte e que representa unha referencia para varias xeracións do balonmán galego.
Cómpre salientar que xa hai dous equipos que teñen asegurada a súa presenza na 1ª Autonómica da próxima tempada tras proclamarse campións galegos das súas respectivas categorías. No apartado feminino, o Club Bm Abegondo acadou ese dereito, mentres que no masculino o fixo o Balonmán Moaña. Ambos equipos estarán presentes o domingo na entrega de premios para recibir o trofeo que os acredita como campións galegos.
HORARIOS DA COMPETICIÓN
Sábado
11:00h – SAR Globalmar – Martínez & De Castro Balonmán Tui
13:00h – Parrillada La Ronda Arteixo – Hotel Carlos I Silgar Sanxenxo Balonmán
16:30h – SAR Impernoroeste – Cíes Obra Civil Balonmán Chapela
18:30h – Lirón Store Mareiras Bueu Atlético Balonmán – CdeC Lavadores Vigo B
Domingo
10:30h – 3º e 4º posto masculino
12:30h – 3º e 4º posto feminino
16:00h – Final masculina
18:00h – Final feminina
ENTRADAS
A venda de entradas realizarase unicamente de maneira presencial en taquilla durante todo o evento.
A Federación Galega de Balonmán anima a toda a afección a achegarse ao Pavillón Pablo Herbello para gozar da última Final 4 da tempada, agradecendo o traballo do club organizador, así como o apoio do Concello de Bueu e das distintas institucións implicadas na celebración desta cita deportiva.









