GALICIA ACOLLE A FASE FINAL DO CAMPIONATO DE ESPAÑA INFANTIL FEMININA EN REDONDELA E BUEU

Esta tarde, ás 17:00 h, tivo lugar na Casa do Deporte de Vigo a presentación oficial do Top 8, a Fase Final do Campionato de España de Balonmán en categoría infantil feminina, que se celebrará do 29 de maio ao 1 de xuño nas localidades pontevedresas de Redondela e Bueu.

O acto contou coa presenza do Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, da Vicepresidenta Segunda e Deputada de Deportes, Economía e Impulso ao Emprego da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, da Alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, do Concelleiro de Deportes de Bueu, Ricardo Verde, así como do Presidente da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, do Presidente do Bueu Atlético Balonmán, Manuel Castro, e do Presidente da Sociedade Atlética Redondela, ‘Lito’ Krook.

Tamén acudiron os dous equipos galegos clasificados para esta fase final, o Lapamán Área de Servizo Bueu Atl. Balonmán e a SAR Rodavigo, acompañados polas súas familias e membros das súas directivas.

O campionato reunirá aos oito mellores equipos de España nesta categoría:

  • Handbol Gavà Blau
  • Eskubaloia Basauri
  • Atticgo Bm Elche
  • Fundació Handbol Sant Vicenç
  • IFEM CBM
  • AEH Les Franqueses
  • Lapamán Área de Servizo Bueu Atl. Balonmán
  • SAR Rodavigo

Este evento regresa a Galicia tras a edición de 2022, organizada polo Club Balonmán Cangas e a A.D. Carballal. Nesta ocasión, é froito da colaboración entre a Federación Galega de Balonmán, os clubs Bueu Atlético Balonmán e Sociedade Atlética Redondela, e o apoio institucional da Secretaría Xeral para o Deporte, da Deputación de Pontevedra e dos concellos de Bueu e Redondela.

Durante as intervencións, as autoridades destacaron o orgullo de contar con dous representantes galegos nesta fase final, o enorme esforzo realizado por xogadoras, técnicos e familias ao longo da tempada, e a importancia da cooperación entre administracións públicas e clubs para facer posible este evento de primeiro nivel en Galicia.

Animamos a todos os afeccionados e afeccionadas a achegarse aos pavillóns de Bueu e Redondela e a desfrutar do mellor espectáculo do balonmán infantil feminino nacional durante esta semana.

O futuro do noso deporte xógase aquí.