IVANO BALIC, INVITADO DE HONRA NO PROGRAMA “DE VOLTA E MEDIA” DA FEDERACIÓN GALEGA DE BALONMÁN

A competición autonómica está parada, pero a Federación Galega de Balonmán non. Nestas semanas sen actividade nas canchas, un dos obxectivos da Federación é dar entretemento e formación. O xoves 11 (21:30 horas, canle de youtube da federación) teremos como invitado ao campión olímpico Ivano Balic.

Así, ao non poder informar sobre a marcha das competicións autonómicas no “De Volta e Media ao balonmán galego”, que comezou esta tempada, decidimos darlle un volta e media ao programa para buscar contidos interesantes para os nosos seguidores. Comezamos hai tres semanas cun programa adicado a Veselin Vujovic, unha estrela mundial, no que repasamos a súa traxectoria deportiva e no que contamos con invitados moi especiais para o noso protagonista.

A seguinte semana fixemos un repaso ao Mundial e contamos cos galegos que participaron no Mundial de Exipto, Pedro Rodríguez (con Hungría) e Rodrigo Corrales, que acadou a medalla de bronce, e ao que lle tocou a entrevista en profundidade. Pero tamén contamos coa voz do Mundial, Paco Caro, os adestradores Víctor García `Pillo´ e Manuel Montoya e o xornalista Edu Agullo.

E esta semana, o programa cambia de día para acoller a un deportista único: Ivano Balic. Campión olímpico en Atenas 2004, campión do mundo, dúas veces prata no Mundial, subcampión de Europa dúas veces, bronce europeo, bronce nos Xogos de Londres…. Ademais, non é unha persoa que se prodigue nos medios, polo que para a Federación Galega de Balonmán é unha honra poder compartir con el o noso programa. Haberá tertulia, unha entrevista moi especial con sorpresas para o noso invitado e moita emoción, nun programa único que non vos podedes perder. Xoves 11 de febreiro (21:30 horas, Canle de youtube da Federación Galega ou polo facebook).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *