JESÚS LÓPEZ, PRESIDENTE DO GUARDÉS: «ESTE CLUB É FROITO DO TRABALLO DE MOITA XENTE E NON SERÍA XUSTO QUE ESE ESFORZO QUEDARA EN NADA»

Dende hai uns días, o Atlético Guardés ten novo presidente. Jesús López asume o reto nun club que coñece á perfección e no que espera continuar o bo traballo feito no pasado. «Ilusionar á afección, incrementar a masa social, captar a máis empresas do tecido da vila e fomentar a base… esas serán algunhas das nosas liñas básicas de traballo», afirma.

Hoxe temos con nós a Jesús López, presidente do Club Balonmán Atlético Guardés, dende hai só uns días. O dirixente vainos contar os seus plans de futuro para o Guardés, que pasan por dar continuidade ao traballo feito, buscar patrocinador e fomentar a base. Dende a Federación Galega de Balonmán queremos desexarlle a mellor das sortes nesta nova tarefa.

–           Importante reto o que emprende… Por que decide dar un paso adiante?

Primeiro de todo, moitas grazas por facerme esta entrevista de benvida. Pois como xa comentei nalgunha outra entrevista, levo sete anos vinculado ao Guardés, formando parte da xunta directiva, agás a última tempada por motivos persoais. Aínda así, continuei como afeccionado; temos a sorte de gozar de moi bo balonmán no Baixo Miño, cos veciños do Acanor Atlético Novás. Nesta zona o balonmán tamén é como unha relixión cada fin de semana, dá ledicias a moita xente e non se podía perder todo iso.

Este club é froito do traballo de moita xente, nestes últimos anos con José Manuel Silva como cabeza visible, e non sería xusto que todo ese esforzo quedara en nada. Hai que intentar que a xente recupere a ilusión, contaremos cun numeroso grupo de xente traballando na directiva e todo sexa por que o club continúe moitos anos máis.

–           Coñece a casa á perfección, pero abandonara a directiva o pasado ano, cal foi o motivo?

Únicamente por motivos persoais, non podía seguir compaxinando como me gustaría as tarefas do club con outras facetas da miña vida.

–           Cómo será o proxecto do Guardés con Jesús López ao fronte? Que obxectivos se plantexa?

Teremos que traballar para que todo o dos últimos anos teña continuidade. Nos vindeiros días daremos a coñecer á nova xunta directiva, tamén publicaremos o organigrama deportivo do club… e a traballar porque non hai tempo que perder! No eido deportivo, o equipo confeccionado por José Ignacio Prades invítanos a competir de xeito ambicioso nas tres competicións, haberá que saber rival en Europa e como queda finalmente o tema das dúas Copas da Raíña.

Ilusionar á afección, incrementar a masa social, captar a máis empresas do tecido da vila e fomentar a base… esas serán algunhas das nosas liñas básicas de traballo. Tamén queremos abrir máis o club ao balonmán galego e manter relacións fluidas con clubes próximos a nós ou de balonmán feminino. Temos un escaparate competindo na máxima categoría do balonmán español que ten que repercutir en Galicia dalgún xeito.

–           Traballar a canteira será unha das bases do seu proxecto?

Por suposto, non pode ser doutro xeito. Nesta xunta directiva estamos concienciados con este obxectivo. Queremos presentar un campus de verán, un torneo de base que sexa un referente… e máis cousas que xa iremos dando a coñecer.

–           Chega nun momento ademais especialmente complicado… A suspensión da Liga polo COVID, o cambio de sistema de competición… Como están a vivir todo isto?

Hai que ir dando pasos pequeniños pero seguros. O sistema de competición non é o máis desexado por nós, que prantexamos unha liga regular, pero haberá que adaptarse e agardar ao sorteo en xullo. Nos próximos días iremos anunciando iniciativas para ir poñendo en marcha a temporada deportiva.

–           Ter un título de Liga e a magnífica traxectoria que leva o Guardés e un peso ou un incentivo?

É un orgullo. Como sempre dicimos nós por aquí… canto máis tempo pase máis valor terá ese título de liga. Foi un fito que non esquecemos e que oxalá algún día vivamos de novo.

–           Unha das preocupacións é o aspecto económico e a necesidade de atopar un patrocinador principal. Como vai a busca?

Estamos mantendo reunións, hai que traballar moito o aspecto económico do club. Pronto contaremos máis cousas, pero o que si que podo adiantar é que o equipo recuperará o nome de Club Balonmán Atlético Guardés, xa non levará o nome da empresa Mecalia, que deixa o patrocinio principal pero coa que traballaremos para seguir contando como colaboradora.

–           Que lle quere transmitir a esa afección do Guardés, que nunca falla?

Pois que este ano non pode ser diferente e que teñen que estar máis ca nunca connosco, coa xunta directiva, co club e con todos os nosos equipos. O remate da temporada pasada deixounos un sabor agridolce, pero seguro que nos vindeiros meses voltaremos a gozar xuntos do balonmán na Sangriña. Como dixen o outro día na miña carta de presentación, agardámosvos a todos na Sangriña cos brazos abertos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *