A selección española absoluta feminina selou o seu pase á Main Round do Mundial 2025 tras impoñerse a Montenegro por 26–31, resultado que lles permite finalizar líderes do Grupo D. Un triunfo clave para recuperar sensacións e encarar con ambición a seguinte fase da competición.
Unha fase preliminar con luces e sombras
España iniciou o torneo con bo pé, vencendo con claridade a Paraguai (26–17). A derrota ante Illas Feroe (25–27) obrigaba a gañar o último encontro, e o combinado de Ambros Martín respondeu con carácter, solvencia defensiva e acerto ofensivo fronte a Montenegro para asegurar a primeira posición do grupo.
Agora, Las Guerreras viaxan a Dortmund, onde competirán na Main Round fronte a Serbia, Islandia e Alemaña.
Un inicio de Main Round cun marcado acento galego
O primeiro encontro desta nova fase terá un atractivo especial: España vs Serbia, un duelo con moitos vínculos coa familia do balonmán galego.
O seu adestrador é Fabio Lima, ex técnico do Mecalia Atlético Guardés. Será a súa primeira competición internacional cunha selección absoluta, e farao precisamente contra España no primeiro choque desta fase.
Un escenario cargado de emoción e simbolismo, no que Galicia estará moi presente a ambos lados da pista.
O reto continúa en Dortmund
España afrontará agora tres encontros decisivos nesta segunda fase:
- España vs Serbia – martes 2 de decembro, 15:30 h
- España vs Islandia – xoves 4 de decembro, 20:30 h
- España vs Alemaña – sábado 6 de decembro, 18:00 h
O obxectivo: sumar puntos suficientes para avanzar a uns cuartos de final moi disputados. O nivel competitivo aumenta e cada detalle será determinante.
Cómpre destacar outro feito salientable do Mundial 2025: Ana Seabra, actual adestradora do Mecalia Atlético Guardés, tamén estará na Main Round tras conseguir a clasificación coa selección de Irán, equipo ao que dirixe actualmente a nivel internacional.
Para o balonmán galego supón un orgullo engadido ver a unha das nosas referentes formar parte dun reto histórico, consolidándose como unha das adestradoras con maior proxección no contexto internacional. Irán avanzou con mérito e carácter competitivo, e agora afrontará unha nova fase mundialista con Seabra á fronte do banco técnico, nun momento deportivo de crecemento e consolidación.
Desde a FGBm enviamos a nosa enhoraboa á selección española polo pase á Main Round e tamén o noso apoio ás xogadoras galegas presentes no Mundial. Galicia seguirá moi atenta ao seu camiño nesta segunda fase.



