MULLERES AO FRONTE NO BALONMÁN GALEGO

Cada día son máis as mulleres que dan un paso adiante nos seus clubs e asumen responsabilidades. No Día Internacional da Muller, queremos coñecer a algunhas das nosas presidentas e saber que foi o que as levou a poñerse ao fronte das súas entidades, que trabas atoparon e como ven a situación actual, tanto na sociedade como no deporte. Elas son María Prelchi (Seis do Nadal), María Eugenia Escalona (Brigantium) e Rebeca González (Pabellón Ourense).

María Prelchi, presidenta do Seis do Nadal

María, unha das pioneiras, comezou a súa andaina no balonmán como xogadora no colexio e recorda con moito cariño aos seus adestradores: “José Manuel Núñez e a súa muller Luci, grandes educadores e persoas, para min, os mellores adestradores que puiden ter”.

Chegou á presidencia do Seis do Nadal case sen querer. Levaba varias tempadas na directiva cando Antón Piñeiro decidiu retirarse. Nun primeiro momento non estaba pola labor, pero cambiou de idea: “Pese a que Antón me suxerira que me presentara, non pasara tal cousa pola miña cabeza.  Eu xa lle tiña moito cariño ao club e á súa historia, pero aínda así non o valoraba coma unha opción real nin me vía nese posto. Pero, o meu lado feminista foise facendo máis e máis forte e decateime de que xa era hora de que as mulleres deixáramos de ser as que traballan na sombra e comezar a reivindicar un espazo máis público.  Hai que ter claro que pese a haber poucas mulleres en cargos relevantes nos clubs, son moitas as tarefas desenvolvidas por mulleres.  Había que dar un paso adiante e facernos máis visibles”.

María pensa que se está mellorando  –“creo que a sociedade está a decatarse de que as mulleres non reclamamos nada que non nos corresponda”- e cree que o papel da muller no balonmán galego é “cada vez máis e máis relevante.  Estamos a reivindicarnos nós mesmas e facémolo grazas ao noso esforzo e tesón.  Xa imos tendo mulleres que son referente para as nenas e mozas en diversos campos do balonmán, non só xogadoras, senón tamén árbitras, adestradoras, directivas, etc.  Ver mulleres presentes e sen complexos nestes roles, está a ser cada vez máis natural.  Temos que desbotar a idea de seren só voces de queixa en prol de levar a cabo accións de compromiso e esforzo para lograr que a igualdade sexa unha realidade.  Precisamos estar presentes nos postos de toma de decisións e asumir responsabilidades”. 

O seu desexo para o Día Internacional da Muller é moi claro: “Gustaríame que non fixera falta un día no que recordarlle ao mundo que somos a metade da poboación, que estamos capacitadas para levar a cabo calquera tarefa que nos propoñamos e porque a muller estivera presente, en igualdade, en todas as facetas da nosa sociedade”.

María Eugenia Escalona, presidenta do Balonmán Brigantium

María Eugenia Escalona chegou ao balonmán da man da súa filla maior, quen tras unha extraescolar lle dixo, “mamá, quero facer balonmán”. E a partir de aí comezou a coñecer este deporte e engancharse, igual que as súas fillas (agora tamén xoga a máis pequena).

E case sen darse conta, presidenta dun novo club feminino: “Como ben sabedes, o noso club é de recente creación, xa temos case 2 anos e a verdade é que nos foi moi ben. Ao reunirnos algúns pais e despois de falalo moito creamos o club, pero cunha particularidade moi importante: “Un club só para mozas”. Esa era a nosa misión, crear un club só para elas e cunha vantaxe moi grande, é o “único” club na cidade da Coruña que é totalmente feminino. Nese momento tivemos que formar unha xunta directiva e pensamos que o máis indicado era que estivese conformada por mulleres, nais de xogadoras. Persoalmente gústame organizar e un pouco “mandar” e polas miñas fillas tomei a decisión de postularme, coa grata sorpresa que todos os pais apoiáronme e apóianme moitísimo ao día de hoxe, somos como unha gran familia, a familia do Balonmán  Brigantium”.

No seu caso, sempre se sentiu apoiada pola xente do club, pero onde houbo máis problemas foi nas institucións: “atopamos  a moitísima xente marabillosa que nos axudou. O máis difícil foi atopar apoio das autoridades locais e deportivas, que sempre van falando da igualdade e ao final esa igualdade non chega a todos por igual, máis ben todo o contrario”.

Maru non atopa límites para as mulleres en ningunha faceta e, por suposto, tampouco na alta dirección deportiva: “Pensoque as mulleres somos capaces de organizar, dirixir e cambiar moitas cousas e optimizar recursos. Se somos capaces de levar e organizar unha familia e unha casa, somos capaces de cambiar o mundo, só cun pensamento analítico e autocrítico podemos alcanzar calquera meta que nos propoñamos”. Por iso, no Día Internacional da Muller, pide que se fale menos e se actúe máis porque “todas somos unhas “leoas” e ruximos alto e claro”.

Rebeca González, presidenta do Pabellón Ourense

Rebeca tamén comezou como xogadora, e aínda que o deixou en cadete ,primeiro o seu irmán e despois a súa irmá pequena fixéronse xogadores, polo que ía velos partidos e así comezou colaborar co club.  Igual que no caso de María, a súa chegada á presidencia foi un pouco por casualidade: “Quintana, o presidente nese momento, avisou de que xa estaba canso, despois de 30 anos ligado a directiva do club, e que necesitaba un respiro. Foi todo de xeito moi natural e normal, foi delegando cousas en min, e ao final, na directiva chegamos ao acordo de que quedase eu nese posto.” Afirma que nunca sentiu menos apoio por ser muller, aínda que “as veces recibes contestacións que che fan pensar se no mesmo caso, se fose home, me responderían así. Pero son casos moi contados”.

Aínda que é pouco a pouco, o certo é que a muller está a ocupar postos na alta dirección deportiva. Isto é o que pensa Rebeca ao respecto: “Pois a verdade é que cada vez vexo que somos máis e paréceme xenial. Creo que estamos a facer un papel moi importante, e que dende as bases vexan eses valores, de que da igual se dirixe un home ou una muller, o caso é ter respecto, parécenme uns valores moi importantes”.

Rebeca tamén amosa a súa satisfacción ao ver que cada vez ten máis peso o balonmán feminino en Galicia: “Cadadía vexo máis peso feminino e é algo que me alegra moito.  No noso club, que somos dos máis pequenos, pasamos de ter 20 licenzas femininas a ter 66, e de ser unha muller na directiva, a ser maioría mulleres. Creo que inda nos queda camiño por percorrer, pero imos avanzando ben”. E rematamos co seu desexo no 8-M: “Que chegue un momento no que non miremos se enfronte temos un home ou unha muller. Que sexa indiferente e que se trate a todas as persoas igual”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *