O BALONMÁN GALEGO DESPIDE O 2020 CUN ALL STAR AO PURO ESTILO NBA

O vindeiro sábado 26 de decembro, Pontedeume converterase no epicentro do balonmán galego. Dende as 18:20 horas, a Federación Galega de Balonmán e o Concello de Pontedeume levarán ao pavillón da Casqueira un espectáculo que acollerá aos mellores xogadores/as da primeira categoría autonómica do balonmán galego.

Hoxe, luns, déronse cita para a presentación do evento Bernardo Fernández, alcalde de Pontedeume; Joshua Dopico, concelleiro de Deportes e Ignacio Permuy, vicepresidente da Federación Galega de Balonmán. O All Star Mixto FGBm 2020 será un evento benéfico, que ten o obxectivo fundamental de colaborar con Cáritas Pontedeume.

Durante a presentación do evento, o vicepresidente da FGBm, Ignacio Permuy, comentaba que “somos plenamente conscientes da situación sanitaria que estamos a vivir, por iso este evento contará cun protocolo aínda máis exhaustivo ca o que estamos acostumados a aplicar semanalmente. Todos os participantes, deportistas e organización realizarán un test de antíxenos o mesmo día en orixe, realizarán o desprazamento en autobuses coa distancia e precaucións recomendadas polas autoridades sanitarias, e, coma ven sendo habitual, toda a actividade se levará a cabo coa máscara oficial da FGBm, ademais de realizar a desinfección pertinente en cada espazo de xeito periódico”.

A Federación Galega de Balonmán tratará de realizar un evento que evoque ao famoso espectáculo americano da NBA, nun día no que ademais de despedir un ano cheo de dificultades, tratarase de dar un paso máis na posta en valor das competicións autonómicas, e por suposto tamén colaborar cunha causa tan necesaria coma a de Cáritas, e moito máis nun momento como o actual, no que miles de familias están a pasar por situacións moi comprometidas.

A xornada comezará ás 18:20 horas o concurso de lanzamentos, seguido do de habilidades e o de sete metros. E remataremos, ás 20:00 horas, co encontro de All Star Mixto que será o colofón desta gran xornada entre un representante de cada equipo que conforman a liga de 1ª Autonómica da FGBm.

O aforo será reducido, as entradas gratuítas e a reserva das mesmas realizaranse vía online, a través da App de control de aforos da empresa galega Cluber, simplemente premendo nesta ligazón e introducindo os datos básicos para acceder á instalación. Como o carácter desta actividade é benéfico, dende á organización pedímoslle a todas e todos os participantes e asistentes que colaboren con Cáritas coa aportación de produtos non perecedoiros, que se recollerán na entrada da instalación (produtos enlatados, envasados, produtos de hixiene persoal…, e todos entregados en bolsas). Ademais, outra forma de colaboración é realizar donativos no número de conta de Cáritas Pontedeume (ES75 2080 0201 9030 0016 3221).

A Federación Galega de Balonmán realizará streaming do evento a través da súa canle de youtube, para que todos/as poidamos desfrutar dende casa do espectáculo do mellor balonmán galego.

1 Comment to “ O BALONMÁN GALEGO DESPIDE O 2020 CUN ALL STAR AO PURO ESTILO NBA”

  1. Your point of view caught my eye and was very interesting. Thanks. I have a question for you.

Debes ser identificado introducir un comentario.