As Seleccións Galegas xogarán o CESA (Campionato de España de Seleccións Autonómicas do 3 ao 8 de xaneiro de 2025 en Cataluña).
O pasado vinte e nove de decembro, no Auditorio Fontán, da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), o balonmán galego presentou ás seis seleccións que representarán a Galicia no vindeiro CESA. Nun acto moi emotivo, no que houbo tempo para coñecer aos noventa e seis deportistas que vestirán a elástica galega, tamén houbo momentos para a música, para deixar claro que a violencia non ten cabida no deporte ou para recoñecer aos patrocinadores e institucións que fan posible a participación neste CESA.
A Federación Galega de Balonmán tinguiu de ilusión unha gala amenizada por Terio Carrera e Katy Adao, que contou coa presenza de Diego Calvo, Conselleiro de presidencia, xustiza e deportes da Xunta de Galicia; Luisa Sánchez, Vicepresidenta e deputada de deportes, economía e impulso ao emprego da Deputación de Pontevedra; Antonio Leira, deputado de deportes da Deputación da Coruña; e outros moitos alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras de diferentes municipios representados nos combinados galegos ou que dalgún xeito colaboraron co balonmán galego.
A expedición de Galicia partirá o día 1 de xaneiro ás nove da noite para Cataluña, co obxectivo de pelexar polos metais en todas as categorías. A competición comezará o día tres e rematará o oito de xaneiro.
No pasado campionato, o combinado galego dirixido pola guardesa Elena Estévez acadou a medalla de prata. Nesta edición, a Federación Galega de Balonmán parte coa ilusión de optar a todo en todas e cada unha das categorías, sendo conscientes de que a fase de grupos deparou un inicio complicado para as seleccións infantil masculina, cadete masculina e infantil feminina.
O CESA poderá seguirse a través das diferentes redes sociais da Federación Galega de Balonmán, onde se compartirán os enlaces de streaming da organización e se realizará un seguimento en tempo real de todos e cada un dos encontros. Aqui podedes consultar as convocatorias dos seis combinados galegos.
GALERÍA DE IMAXES