O Bueu Atlético Balonmán será o encargado de organizar a Final 4 de 2ª Autonómica Masculina e Feminina da tempada 2025/2026, que se celebrará os días 9 e 10 de maio de 2026.
Tras a revisión das solicitudes presentadas polos clubs interesados, e unha vez aplicado o sistema de valoración establecido pola Federación Galega de Balonmán, a candidatura do conxunto de Bueu foi a seleccionada tras acadar a maior puntuación entre as propostas recibidas.
Deste xeito, Bueu converterase durante esa fin de semana nun novo escenario de referencia para o balonmán galego, acollendo unha fase final que reunirá a algúns dos mellores equipos da 2ª Autonómica nun formato de competición atractivo e decisivo para a loita pola praza para o ascenso a máxima categoría galega.
A organización desta Final 4 supón unha oportunidade para seguir impulsando o balonmán galego, tanto desde o punto de vista deportivo como organizativo, ofrecendo un evento de calidade no que xogadores, clubs e afección poderán gozar dun dos momentos máis destacados da tempada.
Desde a Federación Galega de Balonmán quérese agradecer o interese e a implicación de todos os clubs que presentaron a súa candidatura, así como o compromiso do Bueu Atlético Balonmán para acoller unha fase final que, sen dúbida, será unha nova referencia dentro do calendario autonómico.
Nos vindeiros días daranse a coñecer máis detalles organizativos relativos á celebración desta Final 4.



