PRESENTACIÓN SELECCIÓNS GALEGAS DE BALONMÁN GALA CAMIÑO AO CESA 2026

O Recinto Feiral de Silleda acolle hoxe, domingo 28 de decembro, a Gala Camiño ao CESA 2026, o acto oficial de presentación das seleccións galegas de balonmán que representarán a Galicia no vindeiro Campionato de España de Seleccións Autonómicas, que se disputará en Cataluña entre o 3 e o 8 de xaneiro de 2026.

Baixo o lema “O que chama dentro… lévanos lonxe”, a Federación Galega de Balonmán reune a unas  1.000 persoas nun evento cargado de simbolismo, emoción e identidade, retransmitido ás 20:00h, en directo por TVG2 e pola canle de YouTube da FGBm. A gala estará conducida por Terio Carrera e Katy Adao, nun formato dinámico e coidado que pon en valor o traballo das seleccións e o sentimento de pertenza ao balonmán galego.

O acto xira arredor da idea da fotografía Polaroid, como metáfora da memoria, da viaxe e das aspiracións dunha xeración de xogadores e xogadoras que medra a través do deporte. Un relato que conecta o pasado, o presente e o futuro das seleccións galegas e que serve como fío condutor da expedición cara ao CESA 2026.

Un proxecto deportivo ambicioso

Desde o punto de vista deportivo, Galicia afronta este CESA con seis seleccións e obxectivos ambiciosos. Agás a Cadete Feminina e a Xuvenil Masculina, que competirán inicialmente en Copa de España, todas as seleccións partirán no Campionato de España. Precisamente estes dous combinados teñen marcado como reto principal o ascenso, cunha preparación intensa que incluíu torneos e encontros amigables en Galicia, Asturias, Portugal e Antequera.

A selección Cadete Masculina, dirixida por Carla Abad, chega tras proclamarse subcampioa de España no último CESA, mentres que a Infantil Feminina vén de sumar nos dous últimos anos unha prata e un bronce. Pola súa banda, os combinados xuvenís e infantís manteñen unha estrutura sólida e competitiva, con corpos técnicos consolidados e unha base de xogadores e xogadoras procedentes de máis de 20 concellos galegos.

Un evento cheo de detalles e identidade

A gala contará tamén cunha actuación da Escola de Danza Media Punta de Vigo, cun espectáculo protagonizado por 40 bailaríns e bailarinas que farán un percorrido polos grandes momentos do balonmán galego e dos CESA. Ademais, destacarase a colaboración de entidades como HummelDaveiga e a Universidade de Santiago de Compostela, pezas clave no desenvolvemento do proxecto deportivo da Federación.

Outro dos momentos sinalados da noite será a lembranza de que hoxe, 28 de decembro, se cumpren sete anos da toma de posesión de Bruno López como presidente da Federación Galega de Balonmán, coincidindo simbolicamente co Día dos Santos Inocentes.

Galicia, preparada para volver competir

A expedición galega ao CESA 2026 estará formada por 96 xogadores e xogadoras, acompañados por 18 técnicos4 fisioterapeutas1 enfermeira, persoal da área de comunicación e directivos, cun desprazamento previsto para o día 1 de xaneiro. Como vén sendo habitual, espérase tamén un importante desprazamento de afección, con arredor de 500 persoas animando ás seleccións nas bancadas.

Con este acto, a Federación Galega de Balonmán dará o pistoletazo de saída a un novo camiño cara ao CESA, reafirmando o seu compromiso coa formación, a ilusión e o crecemento do balonmán galego.