Esta mañá tivo lugar no Salón de Actos do Recinto Feiral de Curtis a presentación oficial do Campionato Estatal de Balonmán en Cadeira de Rodas, que se celebrará mañá sábado no Pavillón Municipal de Curtis.
O acto contou coa presenza de diversas autoridades e representantes do balonmán galego.
O encargado de abrir a presentación foi Lorenzo Envo, seguido de Óscar Perales, Javier Cainzos, alcalde de Curtis, e Iván Maques, 2º tenente alcalde do Concello de Curtis. O peche do acto correspondeu a Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, quen destacou a importancia do evento e agradeceu a implicación do Concello de Curtis: «Un ano máis, este concello axúdanos a seguir rompendo barreiras e ampliar fronteiras. Estamos moi contentos de que o balonmán en cadeira de rodas siga medrando en Galicia porque, ao final, o balonmán galego é de todos e para todos».
O CAMPIONATO ESTATAL
O campionato desenvolverase durante a xornada do sábado no Pavillón Municipal de Curtis, coa participación de tres equipos: Inclubasket A Coruña, CB Parla BMSR e Inclusport Serban. Ademais da competición, o evento contará con actuacións das escolas de ximnasia artística e patinaxe de Curtis, así como da escola de baile local, ofrecendo así unha xornada deportiva e lúdica para todos os asistentes.
A continuación, detallamos os horarios dos partidos:
– CB Parla BMSR – Inclusport Serban | 10:45 h
– ICB Coruña – Inclusport Serban | 12:00 h
– ICB Coruña – CB Parla BMSR | 13:15 h
Con este campionato, Galicia continúa apostando pola inclusión e pola promoción do balonmán en cadeira de rodas, fortalecendo o seu crecemento e consolidándose como unha disciplina con cada vez máis repercusión na comunidade galega.