REVOLUCIÓN GALEGA EN CATALUÑA: O BALONMÁN GALEGO FAI TREMER O CESA

O CESA 2026 confirma en Cataluña o salto competitivo do Balonmán Galego: talento, carácter e un traballo colectivo que dá os seus froitos

Galicia está de volta. E faino con forza, con convicción e cun balonmán que ilusiona. No CESA 2026 que se celebra en Cataluña, o Balonmán Galego asinou unha xornada histórica ao clasificar a catro seleccións para as semifinais —Infantil Feminina, Infantil Masculina, Cadete Masculina e Xuvenil Masculina—, un fito que non se acadaba desde o ano 2008.

Non é un éxito illado nin froito da casualidade. Galicia é, xunto con Cataluña, a única comunidade que mantén ás seis seleccións no Campionato de España, un dato que fala por si só do nivel, da regularidade e da capacidade competitiva do Balonmán Galego en todas as categorías.

Os cuartos de final deixaron partidos de alto nivel e emoción ata o último minuto. A Infantil Feminina impúxose a Castela e León por 24-26, nun encontro moi igualado no que as galegas souberon mandar no marcador e xestionar os momentos clave. A Infantil Masculina superou a Aragón por 37-31, neutralizando a potencia física do rival cun xogo sólido e continuo, sempre por diante no resultado.

Cadete Masculina asinou unha actuación moi seria fronte á Comunidade de Madrid, marcando o ritmo desde o inicio e vencendo por un contundente 37-30. Pola súa banda, a Xuvenil Masculina brillou cun gran partido ante Andalucía, resolto cun claro 25-34 que confirma a madurez competitiva do equipo.

Tamén houbo derrotas, pero ningunha lectura negativa. A Xuvenil Feminina caeu ante Cataluña por 28-21, nun partido no que Galicia competiu con carácter e garra ata os minutos finais. A Cadete Feminina quedou ás portas da vitoria fronte á selección anfitrioa, perdendo por 31-29 tras dispoñer de múltiples opcións ata o final. Dúas actuacións que reflicten orgullo, crecemento e ambición.

O balance global vai moito máis alá dos marcadores. Galicia compite, resiste, medra e cre no seu modelo. O salto de nivel é evidente e non responde a un golpe de fortuna, senón a unha xustiza deportiva construída co esforzo diario dos clubs, a implicación das familias e o traballo sostido desde a Federación Galega de Balonmán.

Este mércores, Galicia afronta unha xornada decisiva con ilusión renovada:

Semifinais

  • Infantil Feminina: Galicia – Cataluña (11:15 h, Malgrat del Mar)
  • Infantil Masculina: Galicia – Comunidade Valenciana (13:00 h, Blanes)
  • Xuvenil Masculina: Galicia – Navarra (15:45 h, Blanes)
  • Cadete Masculina: Galicia – Cataluña (17:30 h, Blanes)

Postos 5º ao 8º

  • Xuvenil Feminina: Galicia – Madrid (15:45 h, Calella)
  • Cadete Feminina: Galicia – Euskadi (9:30 h, Lloret del Mar)

Sexa cal sexa o desenlace, Galicia xa gañou algo fundamental: identidade, respecto e futuro. O balonmán galego está de volta… e esta vez quere quedar.