O Pavillón Municipal dos Deportes de Salceda de Caselas será o escenario do encontro internacional, que comezará ás 18:30 horas e contará con entrada gratuíta.
Salceda de Caselas, 3 de novembro de 2026. O Concello de Salceda de Caselas acolleu a presentación do encontro internacional que enfrontará este sábado 7 de novembro aos Hispanos Xuvenís e á selección de Portugal. O partido disputarase ás 18:30 horas no Pavillón Municipal dos Deportes de Salceda de Caselas, cun acceso gratuíto para todo o público.
No acto participaron Marcos Troncoso, concelleiro de Deportes do Concello de Salceda de Caselas; Loli Castiñeira, alcaldesa do municipio; Patricia Sanmiguel, tesoureira da Federación Galega de Balonmán; e José Ramón Mouriño, directivo do Club Balonmán Caselas, xunto a Óscar Mata, adestrador da entidade.
UN ORGULLO PARA SALCEDA E UN IMPULSO PARA O BALONMÁN BASE
Durante a presentación, as persoas representantes do municipio e do tecido deportivo local destacaron a importancia de que Salceda de Caselas poida recibir encontros deste nivel, coa presenza de dúas seleccións nacionais. Unha oportunidade que supón un orgullo para a localidade e que permite achegar o balonmán internacional á veciñanza.
Tamén puxeron o foco no valor que este tipo de citas teñen para seguir fomentando a práctica deportiva entre os máis pequenos e pequenas, especialmente na base, ofrecendo ás novas xeracións a posibilidade de vivir de preto un encontro de alto nivel e de tomar como referencia os deportistas que representan os seus países.
O duelo entre España e Portugal engade, ademais, un atractivo especial ao encontro, cunha rivalidade deportiva histórica entre dous países veciños que converterá a cita nunha gran oportunidade para gozar do mellor balonmán internacional.
UNHA CITA ABERTA A TODA A VECIÑANZA
A entrada ao partido será gratuíta, polo que a organización anima a toda a veciñanza de Salceda de Caselas e da contorna a achegarse ao Pavillón Municipal dos Deportes para apoiar os Hispanos Xuvenís e gozar deste encontro internacional.
Este partido servirá tamén como antesala do novo compromiso entre as seleccións absolutas de España e Portugal, que se enfrontarán o domingo ás 18:00 horas no IFEVI, nunha nova cita internacional que levará o balonmán de máximo nivel a Galicia.











