SANXENXO PREPÁRASE PARA VIVIR O ESPECTÁCULO DO BALONMÁN PRAIA CO ARENA 1000 

A praia de Silgar acolleu esta mañá a presentación oficial do Arena 1000 Sanxenxo, unha das citas máis destacadas do verán no calendario estatal de balonmán praia. A competición, que se celebrará do 4 ao 6 de xullo, convertirá Galicia no epicentro do balonmán praia nacional, coa participación de máis de 150 equipos e 2.000 deportistas de todo o país.

O acto contou coa presenza de representantes das principais institucións implicadas:

  • Luisa Sánchez, Vicepresidenta segunda e Deputada de Deportes, Economía e Impulso ao Emprego da Deputación de Pontevedra
  • Blanca García Señoráns, Xefa Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra
  • Marcos Guisasola, Concelleiro de Deportes de Sanxenxo
  • Daniel Santos, Director do Arena Handball Tour
  • Bruno López, Presidente da Federación Galega de Balonmán

Durante a presentación destacouse o apoio institucional da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo e da Real Federación Española de Balonmano, imprescindibles para facer realidade un evento destas características.

O Arena 1000 Sanxenxo será a única proba do circuito nacional Arena Handball Tour que se celebre en Galicia, convertendo a praia de Silgar nun auténtico estadio de balonmán praia ao aire libre, con oito pistas en paralelo e partidos en horario de mañá e tarde.

Entre os/as participantes, haberá unha importante representación galega, con 19 equipos galegos clasificados a través do Torneo Deputación de Pontevedra, que competirán nas categorías infantil, cadete, xuvenil e sénior, tanto feminina como masculina.

As finais do domingo retransmitiranse por Teledeporte, ofrecendo visibilidade nacional ao evento, mentres que o resto da competición da pista central poderá seguirse en streaming durante toda a fin de semana.

Dende a Federación Galega de Balonmán quixeron agradecer a todas as institucións implicadas o seu compromiso e apoio continuado, e agardan que esta edición do Arena 1000 sexa “un evento inesquecible, que reflicta a paixón, a calidade e o crecemento do balonmán praia galego”.

A cita está servida: Sanxenxo vístese de balonmán praia, e a emoción está garantida.