TUI ACOLLE A FINAL 4 DE 2ª AUTONÓMICA ESTA FIN DE SEMANA

O Concello de Tui acolleu esta mañá a presentación oficial da Final 4 de 2ª Autonómica, que se celebrará os días 10 e 11 de maio no Pavillón Gustavo Rodríguez de Tui, repetindo a experiencia de organizar a Final 4 por segundo ano consecutivo.

O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen destacou a inmensa satisfacción que supón para a cidade acoller un evento desta magnitude, agradecendo a colaboración da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Balonmán. Subliñou tamén a aposta do municipio polo deporte como un dos piares da identidade de Tui, resaltando o traballo do concelleiro de deportes e as reformas realizadas no pavillón. “Tui conta con sete pavillóns deportivos e iso permite unha práctica deportiva de calidade”, afirmou. O rexedor animou tamén á cidadanía a achegarse para desfrutar dunha fin de semana que “será un éxito rotundo” e felicitou ao equipo sénior do Club Balonmán Tui por lograr clasificarse para esta fase final.

Tamén interveu o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, quen agradeceu a presenza de todos os asistentes e salientou que “os eventos de balonmán sempre son un éxito rotundo”. Destacou a vitalidade do deporte tudense e reafirmou o compromiso do Concello por seguir apostando por el.

En representación da Federación Galega de Balonmán participou Shaila Bautista, directiva e responsable de balonmán base. Shaila manifestou o orgullo da Federación por repetir unha Final 4 en Tui, sinalando que o pavillón municipal conta cunha das mellores pistas de parqué de Galicia. Agradeceu ao club local todas as facilidades ofrecidas e desexou sorte ao equipo e a todos os participantes, facendo un chamamento ao respecto tanto na pista como nas bancadas.

O presidente do Clube Balonmán Tui, Pablo Rodríguez, agradeceu á Federación e ao Concello o seu apoio, lembrando que “sen patrocinadores nin xogadores non sería posible chegar ata aquí”. Animou á afección a encher as bancadas para vivir “unha festa bonita” do balonmán, con actividades complementarias como actuacións de baile, patinaxe e cantina exterior. “Este ano tócalle aos sénior ser protagonistas, e merecérono tras loitar durante todo o ano”, afirmou.

No acto, tamén estiveron presentes varios xogadores e o adestrador do equipo sénior, en representación do plantel que buscará o ascenso a 1ª Autonómica esta fin de semana ante a súa afección.

Aquí tedes os horarios da fin de semana:

Sábado 10 de maio

11:00h Semifinal feminina 1: Aispar Bm Caselas – Lirón Store Bueu Atl.

13:00h Semifinal feminina 2: CdeC Lavadores Vigo B – Bm. Brigantium Nunegal

18:00h Semifinal masculina 1: Calvo Xiria B – Millaven Cp Lucense

20:00h Semifinal masculina 2: Clínica Veterinaria Estación Bm Tui – ReizentoloLavadores Vigo B

Domingo 11 de maio

11:00h 3º e 4º posto feminino

13:00h 3º e 4º posto masculino

17:00h Final feminina

19:00h Final masculina

20:30h Entrega de premios

Os horarios do sábado pola tarde están adaptados para que o público poida tamén desfrutar da final de ida da EHF European Cup, na que o Conservas Orbe Zendal BmPorriño xogará como local. Ambos eventos están separados por tan só 15 minutos de distancia, facilitando a asistencia a ambos.

As entradas para esta Final 4 de 2ª Autonómica poderán adquirirse en taquilla, os días do evento:

Bono fin de semana: 10 €

Socios/as do club: 5 €

Entrada por día: 7 €