UNIDOS POLO BALONMÁN

Hoxe, Día dos Namorados, non imos falar de príncipes ou princesas, de historias de película, de agasallos con forma de corazón… Hoxe queremos agasallarvos con historias reais. Imos acordarnos de todas aquelas parellas que se atoparon grazas ao balonmán nas pistas, en cursos, nas seleccións galegas… O noso balonmán está cheo de pequenas grandes historias e de moito amor! Hoxe coñeceremos a vida de Abel e Lorena; Héctor e Antía e Marcos e Viviana.

Comezamos coa  máis “veterana” das nosas parellas. Abel Estévez e Lorena Lago. Abel e Lorena comezaron a xogar ao balonmán con oito anos nos seus respectivos colexios, para acabar xuntándose no BM Porriño, onde pasaron por todas as categorías base. Así foi como se coñeceron, no Porriño, e aí iniciouse a súa relación no ano 2003, cando ambos xogaban no club porriñés (Lorena no filial e Abel, en Primeira Nacional). Pouco a pouco foron cambiando os papeis (de xogar a adestrar) e incluso puideron traballar xuntos no corpo técnico da selección galega infantil feminina (tempada 2006/07), onde estiveron tres anos. Precisamente nesta época deron un paso adiante na súa relación e comezaron a vivir xuntos, cunha filla “adoptada”, xa que durante catro anos tiveron a Cecilia Cacheda vivindo con eles: “Ela non tiña equipo en Lalín e veuse para aquí e exercemos como titores. Foi unha experiencia de “pais primerizos, pero dunha adolescente”, pero a verdade que que foi todo relativamente sinxelo”, conta Lore.

Pronto decidiron forma unha familia e Lorena deixou de xogar. Así foron chegando Oier (2011) e Erol (2015). Oier naceu o 2 de abril e nese intre Abel estaba adestrando ao equipo feminino en Primeira Nacional, “e xusto tres semanas despois fomos xogar a fase de Ascenso a Lleida e Kukullaga, onde o equipo logrou ascender a División de Honra Feminina. Oier  acompañounos en todo momento, aínda que só tiña unhas semanas de vida”, explicounos Abel.

En marzo do 2017 a vida volveu cambiar para o matrimonio Estévez-Lago, xa que decidiron facerse cargo da dirección do Club Balonmán Porriño, Abel como presidente e Lorena como secretaria.  E iso, compaxinado con que Abel é o adestrador cadete feminino e Lorena, do benxamín mixto, onde xogaba o seu fillo pequeno Oier.  Actualmente ambos nenos xa están a xogar ao balonmán. Nesta familia non hai tempo para o aburrimento! Se Ceci foi a irmá maior de Oier, na tempada 2018-2019 tiveron en casa a dúas nenas brasileiras, que viñeron a xogar ao balonmán a Porriño.

Imposible non falar de balonmán e asúmeno coa tranquilidade que da a realidade: “As fines de semana están cargadas de horas de pavillóns e partidos, pero o certo é que así foi a nosa vida dende que nos coñecemos. Copas da Raíña en Porriño, Alcobendas, Málaga, Zuazo… En todas estivemos cos nosos fillos xa que cremos que é algo enriquecedor para eles. En casa se fala de balonmán se queira ou non… porque ao final a nosa vida é así”, finaliza Lorena.

A historia de amor de Héctor Soage (xogador do Reconquista e técnico na base do Carballal) e Antía Figueiras (xogadora do Carballal de División de Honra Prata) xurdiu  no Campionato de España de seleccións territoriais do ano 2006. Héctor saíu do torneo cunha medalla de prata  e unha noiva! Ambos estaban nos conxuntos xuvenís  galegos e nun deses paseos que dan os nosos rapaces e rapazas Héctor (entón xogador do  Bueu) fixouse en Antía, que estaba no Guardés. Aquí Héctor contou cun chisco de sorte, porque  “tiña un amigo que a coñecía e fixo un pouco de Cupido nas presentacións”. E ata hoxe!!! Doce anos de noivado e o 23 de xuño de 2018 casáronse co Cupido (amigo a día de hoxe) entre os invitados, nunha voda no que o balonmán estivo moi presente. Así, Javier Castro (actual adestrador de Antía) foi unha das persoas que fixo unha lectura na Igrexa, xunto a Pedro Rodríguez (xogador do Balatonfuerdi), que é un dos mellores amigos de Héctor e ao que tamén coñeceu na selección galega.

Afirman sen ningún tipo de dúbida que “o balonmán é unha parte importante das nosas vidas, xa que grazas a el coñecémonos” e recoñecen que, a vez, “tamén provoca discusión en casa! Temos nos nosos máis e menos cando vemos os partidos”, din cun sorriso.

E fronte a unha parella consolidada no tempo, temos a unha que comeza a dar os seus primeiros pasos, aínda que se coñecen dende hai tempo. Marcos Pérez Outeda (árbitro nacional) e Viviana Meira (adestradora do equipo infantil do Balonmán Cangas e anotadora/cronometradora) comezaron a súa relación hai pouco máis de catro meses, pese a que se coñecen dende hai anos. “Hai anos que a coñezo de vista, en balonmán as  relacións personais son bastantes próximas co Balonmán na Rúa, balonmán praia, torneos e competición. Hai un par de anos din un curso en Cangas e quizais aí falamos un pouco máis, pero nunha reunión de anotadores/cronometradores e árbitros na federación, as nosas miradas se cruzaron, comezamos a falar e xa non puidemos deixar de facelo”, contounos Marcos. Están nos inicios, e de momento non houbo discusións, porque como chancea Vivi “aínda non me arbitrou!”. Ambos son licenciados en Educación Física, outro punto de unión xunto ao balonmán, onde tamén recoñecen que “é un tema demasiado recorrente”, indica Vivi. Pero claro, é a súa vida, como non falar do balonmán!: “Falamos dos seus partidos como adestradora, dos  meus arbitrando… Ademais encaixar os nosos horarios na fin de semana é complicado. Sempre é agradable que ela veña designada de anotadora/ cronometradora nos meus partidos e  aí formamos un gran equipo”, conclúe Marcos.

Debes ser identificado introducir un comentario.