VIGO VIVE UNHA ESPECTACULAR PRIMEIRA XORNADA DA SUPERCOPA IBÉRICA E RENDE HOMENAXE ÁS GRANDES PROTAGONISTAS DO BALONMÁN FEMININO

O Barça e o Sporting CP clasificáronse para a gran final da Supercopa Ibérica, mentres que a Gala do Balonmán Feminino puxo en valor ás mellores xogadoras, adestradores e árbitros da tempada 2025-2026.

O Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) viviu este venres unha primeira xornada inesquecible da Supercopa Ibérica 2026, marcada polo gran ambiente nas bancadas, dous encontros de máximo nivel e a celebración da Gala do Balonmán Feminino, que reuniu ás grandes protagonistas da tempada 2025-2026 da Liga Guerreras Iberdrola.

A competición, organizada pola Real Federación Española de Balonmano, a Federación Galega de Balonmán coa Deputación de Pontevedra como principal patrocinadora, deu o pistoletazo de saída a unha fin de semana na que Galicia se converte no epicentro do balonmán de elite da Península Ibérica.

O BARÇA IMPONSE AO FC PORTO E PELEXARÁ POLO TÍTULO

A primeira semifinal da Supercopa Ibérica enfrontou ao Barça e ao FC Porto nun partido de alto ritmo e gran nivel ofensivo que acabou coa vitoria do conxunto catalán por 39-37.

O equipo de Carlos Ortega asinou unha primeira metade moi sólida, marchando ao descanso cunha renda de sete goles (22-15), liderado polo acerto ofensivo de Dika Mem e do galego de adopción Dani Fernández, que brillou ante a súa afección.

Na segunda parte, o FC Porto reaccionou e chegou a reducir a diferenza ata os tres tantos, obrigando ao Barça a empregarse a fondo para manter a vantaxe. Os portugueses pelexaron ata os últimos minutos, pero o conxunto blaugrana soubo xestionar o tramo decisivo do encontro para asegurar o pase á final.

O SPORTING CP REMONTA AO BIDASOA E REEDITARÁ A FINAL DA SUPERCOPA IBÉRICA

A segunda semifinal deixou outro auténtico partidazo entre o Sporting CP e o Irudek Bidasoa Irún, cunha remontada do equipo portugués na segunda metade para impoñerse por 29-31.

O conxunto vasco completou uns excelentes primeiros trinta minutos, chegando ao descanso cunha vantaxe de catro goles (15-11) grazas á súa intensidade defensiva e ao gran traballo colectivo.

Porén, tras o paso polos vestiarios, o Sporting deu un paso adiante e conseguiu igualar o encontro antes de completar a remontada nos minutos finais, liderado pola inspiración ofensiva de Kiko Costa e pola maior eficacia do equipo lisboeta nos momentos decisivos.

Deste xeito, Barça e Sporting CP volverán verse as caras na gran final da Supercopa Ibérica, repetindo o duelo polo título da pasada edición.

REPRESENTACIÓN GALEGA NA PISTA E NO COLECTIVO ARBITRAL

A primeira xornada da Supercopa Ibérica tamén contou cun importante protagonismo galego.

O xogador Carlos Álvarez, nas filas do Sporting CP, foi un dos representantes galegos sobre a pista nesta competición internacional, mentres que Andrés Rosendo formou parte do colectivo arbitral designado para dirixir os encontros do torneo, confirmando tamén a presenza galega na organización deportiva dun evento deste nivel.

A GALA DO BALONMÁN FEMININO PREMIA ÁS GRANDES PROTAGONISTAS DA TEMPADA

A xornada completouse coa celebración da Gala do Balonmán Feminino, un acto que recoñeceu ás xogadoras, adestradores e árbitros máis destacados da Liga Guerreras Iberdrola 2025-2026.

Entre os galardóns entregados destacamos á galega, Elba Álvarez, elexida mellor central da Liga Guerreras Iberdrola.

TODO PREPARADO PARA A GRAN XORNADA DE FINAIS

Tras unha primeira xornada de gran nivel deportivo e institucional, o IFEVI acollerá este sábado os encontros decisivos da Supercopa Ibérica e da Supercopa de España Feminina, que coroarán aos primeiros campións da tempada 2026-2027.

Parte da información deportiva e da Gala do Balonmán Feminino foi elaborada a partir da información facilitada pola Real Federación Española de Balonmán (RFEBM).