Sábado do mellor balonmán galego no Pavillón Vila de Noia de Carballo.
A primeira semifinal masculina fixo espertar a todos os afeccionados e afeccionadas que se achegaron a seguir a Final 4 de 1ª Autonómica Masculina. Encontro de alto voltaxe entre a SAR Opmobility e o Magope Seis do Nadal Coia, no que a SAR saiu moi enchufada, cunha gran intensidade defensiva e as ideas moi claras no ataque, mentres, os vigueses, trataban de non perder a cara ao encontro en ningún momento. Na segunda metade, os de Jorge Fernández tiveron unha importante reacción que provocou uns últimos 10 minutos de infarto, nos que as defensas foron as verdadeiras protagonistas. Finalmente, 29-34 a prol do equipo de Redondela, que os clasifica directamente á final na que se xogarán unha praza na fase de ascenso a Primeira Nacional.
No segundo encontro do día, O Grove Paraíso Rasoeiro Bm. impúxose por 27 a 22 ao Mecalia Atlético Guardés nun partido igualado de principio a fin. Dende o inicio do partido, os de A Guarda amosaron que non ían a regalar nada, pero os mecos tiñan moi claro o que había en xogo. Cun Pablo Garrido moi desequilibrante e un Juan Noya moi seguro na portería, O Grove Paraíso Rasoeiro Bm. acadou unha meritoria praza na final que se disputará mañá ás 16:30 horas.
A xornada feminina comezou cun vibrante Tapería Dos Chata Balonmán Cangas – AD Carballal; a pesar de que o A.D. Carballal chegaba mermado de efectivas, por mor do encontro do equipo de Prata en Lanzarote. Foron sesenta minutos de gran rivalidade no que as viguesas, a pesar das baixas, amosaron que teñen moi claro ao que xogan. O Balonmán Cangas, comandado por Laura Magdaleno, fixo gala da súa frescura e xuventude, tirando de talentos coma o de Naihara Costas, Íria Malvido ou Uxía Fernández, acadaron administrar as pequenas vantaxes no electrónico para chegar nunha situación cómoda aos últimos cinco minutos de econtro; finalmente 32-28 para as canguesas, que mañá terán o último exame de cara á súa clasificación para a fase de ascenso a categoría nacional.
Ás 19:00 horas debutaba o equipo local, cun pavillón Vila de Noia ateigado de camisolas verdes, o CDEC Lavadores Vigo non desalentou e saíu a facer valer o seu papel de favorito. O pundonor do Calvo Xiria, apoiado pola gran marea verde, igualaba o marcador por momentos, amosando que no mínimo baixón das viguesas, as carballesas porían pé e medio na final; e así foi, unha vantaxe dun gol para as carballesas nos últimos tres minutos provocou o nerviosismo das viguesas. Finalmente o Calvo Xiria acadou a súa praza para a final de mañá por un apretado 30-29.
Mañá esperannos moitas sorpresas e un gran espectáculo; os horarios son:
- 10:30 Horas. Mecalia Atl. Guardés – Magope Seis do Nadal Coia (3º-4º posto masculino)
- 12:30 Horas. AD. Carballal – CDEC Lavadores Vigo
- 16:30 Horas. SAR OPMobility – O Grove Paraíso Rasoeiro Bm.
- 18:30 Horas. Calvo Xiria – Tapería Dos Chata Bm Cangas.
Esperámosvos mañá no Vila de Noia!