O TORNEO O NOSO CLUB REÚNE EN O PORRIÑO A MÁIS DE 800 NENOS E NENAS NUNHA GRAN FESTA DO BALONMÁN GALEGO

O proxecto impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Balonmán congregou a máis 800 nenos e nenas de máis de 70 clubs e escolas nunha xornada de convivencia, deporte e promoción do balonmán de base.

O Porriño converteuse este domingo no epicentro do balonmán de formación coa celebración do Torneo O Noso Club, unha cita que reuniu a máis de 800 nenos e nenas procedentes de máis de 70 clubs e escolas participantes no proxecto O Noso Club, unha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra e a Federación Galega de Balonmán para fomentar a práctica deportiva e achegar o balonmán aos centros educativos da provincia.

O torneo nace precisamente como unha evolución natural deste proxecto, que durante os últimos meses permitiu levar o balonmán a numerosos colexios da provincia, crear novas escolas deportivas e seguir ampliando a base deste deporte en Pontevedra. A resposta obtida nesta primeira edición confirma o éxito dunha proposta que busca ofrecer aos máis pequenos e pequenas un espazo de encontro, aprendizaxe e diversión arredor do balonmán.

Ao longo de toda a xornada, os arredores do Pavillón Municipal do Porriño estiveron cheos de actividade, cun ambiente festivo no que participaron xogadores e xogadoras, familias, adestradores/as e acompañantes. Máis alá da competición, o evento converteuse nunha gran celebración do deporte base, favorecendo a convivencia entre os diferentes clubs e escolas participantes.

A programación completouse cunha ampla oferta de actividades complementarias, zonas de lecer e restauración, sorteos e diferentes espazos pensados para que a experiencia fose moito máis que unha xornada deportiva. O obxectivo era claro: crear un evento inclusivo e atractivo para todos os públicos, no que os protagonistas fosen os nenos e nenas que forman parte do presente e do futuro do balonmán galego.

O torneo contou tamén coa presenza de representantes institucionais, entre elas Luisa Sánchez, deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra, e Xisela Aranda, directora de Deportes da Deputación de Pontevedra, que quixeron acompañar aos participantes durante unha xornada que exemplifica o impacto positivo do proxecto nos concellos da provincia.

Dende a Federación Galega de Balonmán quérese destacar o papel fundamental da Deputación de Pontevedra, principal impulsora desta iniciativa, así como agradecer a colaboración do Concello do Porriño pola cesión das instalacións e o apoio prestado a nivel loxístico para facer posible a celebración do evento. Do mesmo xeito, cómpre recoñecer a implicación do Club Balonmán Porriño, que colaborou activamente na organización da xornada.

O Torneo O Noso Club pecha así a súa primeira edición deixando unha imaxe difícil de esquecer: centos de nenos e nenas compartindo pista, ilusión e experiencias nunha xornada que reflicte o gran momento que vive o balonmán de base en Galicia. Un día que reafirma o camiño iniciado co proxecto O Noso Club e que anima a seguir traballando para que cada vez máis rapaces e rapazas descubran neste deporte unha ferramenta de formación, convivencia e crecemento persoal.