O Hispanos Júnior xa se atopan en Eslovenia para afrontar o primeiro encontro do Campionato de Europa contra Francia.
O staff técnico do combinado nacional sub-20, ten coma seleccionador a Javier Fernández “Jabato”, ex-adestrador do Cisne Colegio Los Sauces ata hai uns días; conta coa presenza no corpo técnico, coma delegada, coa redondelá Carla Abad, que actualmente é a vicepresidenta da Federación Galega de Balonmán, a seleccionadora galega cadete masculina e a coordinadora da sección feminina da SAR de Redondela. Ademais, dentro dos servizos médicos atópanse o carballés Mauro Montero e o galego de adopción Ángel Quirós, que se ocuparán de que a xeración de ouro do balonmán nacional se atope a punto para afrontar este europeo. Alberto Delgado, actual extremo dereito do Club Balonmán Cisne está entre os xogadores que tratarán de revalidar o título de campións acadado en 2022.
O combinado nacional estréase na categoría sub-20, logo de acadar a medalla de ouro no anterior Campionato de Europa e no pasado Campionato do Mundo. A denominada por moitos “Xeración Cikusa” está encadrada dentro do grupo con Francia, Suíza e Islas Feroe; un desafío complicado ante equipos con moito oficio e que nos últimos campionatos están a dar moito que falar no eido competitivo.
Os Hispanos Júnior, que realizaron parte da súa preparación en Ribadavia no mes de marzo, presentan as súas credenciais para proclamarse unha vez máis campións de Europa baixo apelidos tan históricos de xogadores coma: Barrufet, Cikusa, Grau, …; pero sobre todo coas garantías de estar baixo o mando de Javier Fernández, que ven de acadar resultados memorables durante os últimos anos co Club Balonmán Cisne e coa mesma xeración en categoría xuvenil; a través da coordinación de Carla Abad, unha redondelá, que non se cansa de derribar teitos de cristal e de abrir camiño para deportistas futuras; coa tutela médica de profesionais de garantías coma Mauro Montero e Ángel Quirós, e por suposto, coa determinación dun xogador tan galeguizado nas últimas dúas tempadas coma Alberto Delgado.
O Campionato de Europa celebrase en Eslovenia, concretamente en Celje, e o combinado nacional xa coñece os seus primeiros rivais; todos os encontros poderán ser seguidos a través da plataforma gratuíta da EHF (www.ehftv.com):
- España-Francia: mércores 10 de xullo ás 16:40 horas.
- Suiíza-España: xoves 11 de xullo ás 12:00 horas.
- España-Islas Feroe: sábado 13 de xullo ás 16:40 horas.
Os Hispanos Júnior teñen un cadro de competición moi complicado, xa que de clasificarse terán que cruzarse con combinados punteiros a nivel internacional, aínda que este grupo está preparado para optar ao máis alto.
Dende o Balonmán Galego desexámoslles toda a sorte do mundo aos nosos/as representantes!