Esta fin de semana ofrecerá partidos de moita rivalidade e tanto na División de Honra Prata Masculina e Feminina como na Primeira Nacional Masculina. Ata sete derbis poderemos contemplar en dous intensos días.
Condes de Albarei Teucro – Acanor Atlético Novás. Partidazo no Municipal de Pontevedra antes do parón do Nadal (sábado 14, 20:30 horas) na División de Honra Prata masculina. Derbi, rivalidade e emocións. Volve Quique Domínguez á que foi a súa casa durante moito tempo, de xogador e adestrador. O Teucro enfronta o choque despois dunha dura derrota da semana pasada en Bordils e o Novás reforzado pola vitoria contra o Torrelavega. O ambiente nas gradas está asegurado, coa viaxe da afición do Rosal. Ademais o partido terá un carácter solidario, xa que se realizará unha recollida de alimentos que serán destinados ó Comedor de San Francisco para este Nadal.
En División de Honra Prata Feminina teremos dous partidos de rivalidade.
Sar Rodavigo – A.D.Carballal
A SAR recibirá o domingo (12:30 horas, A Marisma) ao Carballal nun moi bo momento de ambos conxuntos. As locais, aínda que perderon a semana pasada, foi facendo un partidazo na casa do líder e dominando o choque ata os últimos minutos, nos que a ampla plantilla do San José Obrero Lanzarote foi decisivo. Enfronte, o Carballal, que suma tres vitorias consecutivas.
Rubensa BM Porriño – CdeC Lavadores
Bo partido no Pavillón Municipal do Porriño (sábado, 20:00 horas) con dous equipos empatados a puntos, pero con dinámicas diferentes. O Rubensa poderá contar con case toda a plantilla, xa que non hai Liga na División de Honra, e ademais xogará na casa, polo que se perfila como favorito. Pero o Lavadores necesita romper a racha de catro derrotas consecutivas, que xa pesa no equipo.
E para rematar, catro enfrontamentos máis con moita rivalidade en Primeira Nacional Masculina.
Carnes do Ribeiro-Ourense provincia termal – Balonmán Saeplast Cañiza. Choque de enorme rivalidade entre afeccións, que se verá reflectida nas bancadas, onde se espera un gran ambiente (sábado, 18:30 horas, Pavillón Municipal O Consello). O Ribeiro non puido ter un bo inicio ligueiro, con importantes baixas, polo que está na zona baixa da táboa clasificatoria, pero nun partido así non importante as ausencias nin as clasificacións.O conxunto ourensán perdeu a semana pasada en casa contra o Embutidos Lalinense, mentres que o Cañiza gañou ao Lavadores.
Embutidos Lalinense – Automanía Luceros. Choque de rivalidade provincial e ademais nas alturas da táboa clasificatoria. O líder recibe ao quinto clasificado nun choque apaixonante e no que sen dúbida veremos balonmán de altura. A cita o sábado ás 18:30 horas no Lalín Arena.
Bueu Atlético – Teucro Colegio San Narciso. Outro derbi provincial (sábado, 19:00 horas, Pavillón Pablo Herbello) con dos magníficos equipos que agora mesmo non se atopan nun bo momento. O Bueu, que tivo un inicio de tempada excepcional, leva catro derrotas consecutivas, as mesmas que o Teucro. Ambos necesitan romper a mala racha e volver a sumar.
UB Lavadores – Magope Seis do Nadal. E rematamos cun derbi vigués (sábado 14, 18:00 horas, Pavillón Municipal de Lavadores). A necesidade asfixia ao Lavadores, que aínda non sabe o que é gañar esta tempada en Liga. Pola súa banda, o Seis do Nadal leva dúas vitorias consecutivas, o que lles permite situarse nunha situación máis cómoda na táboa.
Debes ser identificado introducir un comentario.