O veciño de O Grove que sufriu unha agresión nas bancadas mentres presenciaba un encontro de balonmán de base, segue en estado crítico pasados máis de dous meses.
O pasado 15 de decembro de 2024 é unha data sinalada nas páxinas negras do balonmán galego. O pavillón de Vilalonga en Sanxenxo, onde se celebraba o encontro de categoría cadete feminina entre o Sanxenxo Balonmán e o Balonmán Rasoeiro, foi escenario dunha brutal agresión por parte dun dos espectadores ao avó do colexiado que estaba a dirixir o encontro. Segundo comentan varias testemuñas que presenciaron os feitos, Andrés Rico, un coñecido e querido veciño de O Grove que como cada fin de semana foi a levar ao seu neto a arbitrar un encontro, foi vítima dunha brutal agresión por parte dun espectador, tras intentar pacificamente que este cesase na súa actitude violenta e nas insistentes fallas de respecto cara o colexiado.
As consecuencias deste incidente implicaron un verdadeiro inferno para Andrés e a súa familia. Dous meses despois Andrés atópase en coma, cun prognóstico moi pesimista que tan só se podería reverter cun auténtico milagre, algo no que desgraciadamente xa a penas hai confianza; un entorno moi duro para unha familia que viu totalmente truncada a súa vida, tendo que pechar de xeito indefinido o negocio familiar, trasladándose a diario e en varias ocasións dende O Grove ao Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, e convivindo coa incomprensión de que o presunto agresor se atope realizando unha vida completamente normal e coincidindo con parte da familia en diferentes ámbitos.
Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán, está en contacto permanente coa familia, e comenta: “a familia de Andrés está a sufrir un auténtico inferno, nestes momentos el segue en coma, non se sabe si poderá espertar nalgún momento e aínda non se coñece realmente o alcance das lesións. A verdade é que todo isto é moi difícil de asimilar e de entender, costa comprender que por un delito menor se poida deter a alguén e por provocar consecuencias tan graves coma estas non se procedese do mesmo xeito. A familia está centrando toda a súa atención na evolución médica de Andrés, pero paralelamente hai aberto un proceso xudicial que aínda que vai máis lento do que nos gustaría, confiamos en que remate dirimindo responsabilidades dun xeito contundente, algo que nunca vai a paliar o dano provocado a esta familia pero que polo menos nos axude a evitar que sucesos coma este volvan a acontecer”.
Como consecuencia deste suceso, a Federación Galega de Balonmán promoveu o peche de pavillóns ao público durante un mes, tempo no que traballaron na campaña #AsíSí, baseada nun “Plan Estratéxico Contra a Violencia” do que saíron varias iniciativas que xa están en marcha e outras tantas que se irán implementando, en colaboración cos clubs e o colectivo arbitral, nos próximos meses. Dende o ente federativo realizan a seguinte valoración: “os comportamento en xeral mellorou, estamos a realizar un estudo que amosará datos obxectivos importantes e esclarecedores con respecto a toda esta situación, pero a raíz do problema segue aí, aínda queda xente que non entende que non hai escusas para non manter o respecto polos demais, e sobre todo, tampouco son conscientes do marco legal que regula a violencia respecto a menores e adolescentes nestes momentos; nós non decidimos o que é violencia e o que non, isto está regulado, e queda moito por aprender e concienciar neste aspecto. As medidas da federación están a tomarse despois de formarnos e informarnos, que ninguén pense que estamos a improvisar nin que imos dar pasos atrás porque unha minoría non queira asumir que aquí xa non vale todo”.
Dende a Federación Galega de Balonmán, condenan unha vez máis os feitos acontecidos ese tráxico 15 de decembro de 2024 no pavillón de Vilalonga, insistindo: “son feitos que tiveron consecuencias moi graves, pero non foron feitos illados, desgraciadamente os incidentes relacionados coa violencia son máis habituais do que moita xente pensa”. A FGBm apela á xustiza e ao sentido común, amosando o apoio total á familia de Andrés, e deixando claro que se atopan nunha situación de impotencia e incomprensión que precisa asistencia e respostas urxentes.
#AsíNon
#ForzaAndrés
#BalonmanGalego