OS TRAXECTOS MÁIS SOLIDARIOS DAS NOSAS FURGONETAS

No tempo do COVID-19 as furgonetas da Federación Galega de Balonmán cambiaron o deporte polo voluntariado e están a formar parte de fermosos proxectos que se están a desenvolver en Vigo e Pontevedra.

Hai xa varias semanas, unha das nosas furgonetas foi cedida ao Concello de Pontevedra para o programa Porta a Porta, realizado pola Concellería de Benestar Social en colaboración co Servizo de Deportes e o Banco de Alimentos. Reparte alimentos entre a poboación máis vulnerable, e para iso necesitan dos nosos medios de transporte. En total asisten a case 600 persoas, que necesitan comida nesta crise sanitaria.

E agora, as nosas furgonetas están a colaborar co Concello de Vigo no reparto de material informático para entregar aos nenos e nenas que non teñen ordenadores ou tablets para poder seguir as clases de forma telemática. O reparto destes equipos informáticos estase a realizar estes días con persoas voluntarias do Concello de Vigo.

Aínda que ese non é o traballo esperado para os nosos vehículos, a verdade é que a Federación Galega de Balonmán está encantada de colaborar con este tipo de proxectos, nun momento no que a aportación de todas e todos é imprescindible. Antes estabades na bancada animando, agora somos nós os que temos que apoiaros!

#SomosGalicia #SomosBalonmán #SomosSolidarios

Debes ser identificado introducir un comentario.