ESPAÑA FINALIZA QUINTA NO EHF WHEELCHAIR EURO 2025 E LORENZO ENVO, MVP DO CAMPIONATO

A selección española de balonmán en cadeira de rodas pechou a súa participación no EHF Wheelchair EURO 2025 cun meritorio 5º posto final, nun campionato marcado pola igualdade competitiva, a intensidade en cada encontro e un nivel deportivo que consolida o crecemento desta disciplina a nivel europeo.

Máis alá do resultado colectivo, o torneo deixa unha noticia histórica para Galicia: Lorenzo Envo Edjang, xogador do Inclubasket Coruña, foi recoñecido como MVP do campionato, converténdose nun dos nomes propios do torneo e nun referente para o balonmán adaptado galego e estatal.

Galicia, protagonista en Europa

España contou con tres representantes da nosa terra baixo a camisola nacional:
Lorenzo Envo Edjang Nsa (MVP do Europeo), Juan López Porta e José M. Barroso Seoane, todos pertencentes ao Inclubasket Coruña.

Os tres deportistas deixaron o nivel galego no máis alto, con presenza destacada en minutos, responsabilidade competitiva e unha evolución visible partido a partido.

Un 5º posto con valor de futuro

España completou o campionato cunha progresión ascendente, acadando a quinta praza tras unha vitoria sólida no encontro decisivo, demostrando capacidade para competir contra seleccións dun altísimo nivel como Francia, Portugal ou Rumanía.
O equipo estatal marcha con ambición reforzada e o convencemento de estar máis preto ca nunca dos postos de honra europeos.

Orgullo galego e proxección internacional

Desde a Federación Galega de Balonmán queremos:

Felicitar á selección española polo gran traballo realizado, demostrando carácter, compañeirismo e un crecemento competitivo notable.

Recoñecer o enorme papel dos nosos representantes galegos, pezas clave para o éxito do grupo e exemplo absoluto para as novas xeracións.

E moi especialmente, celebrar o MVP de Lorenzo Envo, un galardón que non só premia o seu rendemento, senón tamén o esforzo, compromiso e talento que impulsan o balonmán adaptado en Galicia e en España.

Galicia regresa do Europeo orgullosa, fortalecida e mirando xa ao futuro.
Porque o camiño segue e isto só acaba de empezar.