O Balonmán Chapela será o encargado de organizar a Final 4 Cadete Masculina e Feminina da tempada 2025/2026, que se celebrará os días 25 e 26 de abril de 2026.
Tras analizar as solicitudes presentadas polos diferentes clubs interesados, e unha vez aplicado o sistema de valoración establecido pola Federación Galega de Balonmán, a candidatura do conxunto de Chapela foi a seleccionada para acoller esta fase final, tras obter a mellor puntuación entre as propostas recibidas.
Deste xeito, Chapela converterase durante esa fin de semana nun dos puntos neurálxicos do balonmán galego de base, reunindo a algún dos mellores equipos da categoría cadete, tanto en categoría masculina como feminina, nun formato de competición que decidirá os derradeiros clasificados para o sector nacional.
A celebración desta Final 4 supón unha nova oportunidade para seguir impulsando o balonmán base, ofrecendo aos xogadores e xogadoras un escenario competitivo de alto nivel no que continuar co seu desenvolvemento deportivo.
Desde a Federación Galega de Balonmán quérese agradecer o interese e a implicación de todos os clubs que presentaron a súa candidatura para organizar esta fase final, así como o compromiso do Balonmán Chapela para acoller un evento que, sen dúbida, será unha nova referencia dentro do calendario do balonmán galego.
Nos vindeiros días daranse a coñecer máis detalles organizativos relativos á celebración desta Final 4.



