Centos de afeccionados e afeccionadas acompañaron aos catro equipos participantes nun acto que encheu a Praza da Estrela de balonmán, animación e sinaturas antes do inicio da Supercopa Ibérica.
A Praza da Estrela de Vigo converteuse na tarde deste xoves no primeiro gran punto de encontro da Supercopa Ibérica 2026 coa celebración do Media Day oficial da competición, un acto organizado pola Federación Galega de Balonmán que reuniu a centos de afeccionados e afeccionadas para dar a benvida aos catro equipos participantes e vivir de preto o comezo dun dos grandes eventos da tempada.
Nun ambiente espectacular, o público puido compartir unha tarde inesquecible cos xogadores do Barça, FC Porto, Sporting CP e Irudek Bidasoa Irún, nun acto que serviu como previa perfecta ao inicio da competición que este venres arrinca no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI).
UN ACTO INSTITUCIONAL PARA DAR O PISTOLETAZO DE SAÍDA Á COMPETICIÓN
O Media Day contou coa presenza de Francisco V. Blázquez, presidente da Real Federación Española de Balonmán; Luisa Sánchez Méndez, vicepresidenta e deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra; Xisela Aranda Rodríguez, directora de Deportes da Deputación de Pontevedra; Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia; e Bruno López Molina, presidente da Federación Galega de Balonmán, ademais de representantes dos clubs participantes e da organización do evento.
Durante o acto, Francisco V. Blázquez e Luisa Sánchez Méndez dirixiron unhas palabras ao público asistente, destacando a importancia de que Galicia e a provincia de Pontevedra acollan unha competición internacional deste nivel, así como o compromiso das institucións por seguir impulsando grandes eventos deportivos que achegan o balonmán de elite á comunidade.
OS ÍDOLOS, MÁIS PRETO CA NUNCA DA AFECCIÓN
Un dos momentos máis especiais da tarde chegou coa presentación oficial das catro plantillas participantes, que recibiron o cariño dunha afección entregada desde o primeiro momento.
Os asistentes puideron levar un recordo único grazas ás láminas oficiais deseñadas especialmente para a ocasión, nas que xogadores e xogadoras asinaron autógrafos para que cada afeccionado e afeccionada puidese gardar un recordo desta histórica edición da Supercopa Ibérica.
Ademais das sinaturas, o público tivo a oportunidade de facerse fotografías cos seus ídolos, compartir momentos con eles e desfrutar dunha experiencia moi próxima cos protagonistas do balonmán español e portugués.
ANIMACIÓN, ESPECTÁCULO E MOITO BALONMÁN
A Praza da Estrela viviu unha auténtica festa do balonmán, cun espectáculo de animación que acompañou toda a presentación e que converteu o Media Day nun evento pensado para todas as idades.
A combinación de música, animación, presentación dos equipos e encontro coa afección fixo da tarde un éxito de asistencia e confirmou a enorme expectación que esperta a chegada da Supercopa Ibérica a Vigo.
TODO PREPARADO PARA O INICIO DA SUPERCOPA IBÉRICA
Co Media Day xa celebrado, Vigo queda preparada para vivir unha fin de semana de máximo nivel no IFEVI, onde os mellores equipos de España e Portugal loitarán polo primeiro título oficial da tempada.
Desde a Federación Galega de Balonmán queremos agradecer a extraordinaria resposta da afección, que volveu demostrar o seu compromiso co balonmán enchendo a Praza da Estrela e acompañando aos protagonistas da competición neste primeiro gran acto da tempada 2026-2027.
A Federación Galega de Balonmán agradece tamén o colaboración da Deputación de Pontevedra e o apoio de todas as entidades colaboradoras que fan posible a celebración da Supercopa Ibérica e da Supercopa de España Feminina en Galicia.















