A COPA 5X5 DE BALONMÁN NA RÚA ARRANCA EN VIGO COMO PRIMEIRA SEDE DO CIRCUÍTO

O Paseo das Avenidas acolleu a presentación oficial dun proxecto que busca fomentar o balonmán, grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra.

Vigo foi o escenario este venres, 5 de setembro, da presentación oficial da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación de Pontevedra, unha iniciativa que ten como obxectivo sacar o balonmán ás rúas, fomentar a práctica deportiva e dar visibilidade ao traballo dos clubs, atraendo así a novos practicantes a un deporte que non para de crecer na provincia.

A cita tivo lugar no Paseo das Avenidas, fronte ao Tinglado do Porto, no propio espazo onde a partir de hoxe, e durante esta fin de semana e vindeira semana, se desenvolverá a primeira das catro sedes da competición.

Nesta presentación contamos coa presenza institucional de: Luisa Sánchez, vicepresidenta e deputada de Deportes da Deputación de Pontevedra; Xisela Aranda, directora de Deportes da Deputación de Pontevedra; Luis Piña, alcalde do Concello de A Cañiza; Antonio Cabaleiro, concelleiro de Deportes do Concello de Redondela; Ismael Pena, concelleiro de Deportes do Concello de A Estrada; e Bruno López, presidente da Federación Galega de Balonmán.

Xunto ás autoridades, tamén estiveron presentes directivos/as, adestradores/as e representantes dos clubs da provincia, como Unión Balonmán Lavadores, A.D. Carballal, Balonmán Cañiza, Balonmán Tui, Balonmán Reconquista de Vigo, Seis do Nadal e Sociedad Atlética Redondela.

Copa 5×5 celebrarase en catro sedes:

  • Vigo (Tinglado do Porto): do 5 ao 11 de setembro.
  • Redondela (Pista da Xunqueira): do 12 ao 14 de setembro.
  • A Cañiza (Praza Maior): do 26 ao 28 de setembro.
  • A Estrada (Praza do Concello): do 10 ao 12 de outubro.

A competición, dirixida a nenos e nenas nados entre 2014 e 2018 nas categorías benxamín e alevín, é de balde e garante a participación de todos os inscritos/as. Cada xogador recibirá unha camiseta e un pantalón da marca hummel, reforzando así o carácter inclusivo e accesible da iniciativa.

A vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, destacou que; cando era pequena xogaba na rúa e quere que iso volva, que os nenos e nenas se divirtan e practiquen deporte dunha forma sa, lúdica e accesible para todos. Que se volva xogar na rúa e que iniciativas como esta atraian tamén a moitos dos futuros deportistas de elite.

As autoridades subliñaron que grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra, este proxecto é posible e contribuirá a consolidar o crecemento do balonmán galego, fomentando a práctica deportiva desde a base e ofrecendo un espectáculo aberto a toda a cidadanía.