A COPA 5×5 DE BALONMÁN NA RÚA DEPUTACIÓN DA CORUÑA PON O PUNTO E FINAL Á TERCEIRA EDICIÓN EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Santiago de Compostela acollerá do 20 ao 22 de febreiro de 2026 a gran cita final da Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña, que pecha así a súa edición 2025. A sétima proba do circuíto coruñés de balonmán base, dirixida a nenos e nenas nacidos entre 2014 e 2018, celebrarase na praza Rodríguez Cadarso do Campus Sur da capital galega.

Esta proba final, inicialmente prevista para datas anteriores, tivo que ser aprazada en varias ocasións debido á previsión de choiva nas fins de semana sinaladas. Finalmente, todo apunta a que esta será a data definitiva, xa que a previsión climatolóxica para esta fin de semana é favorable, o que permitirá gozar plenamente do balonmán na rúa nun entorno privilexiado como o Campus Sur compostelán.

A Federación Galega de Balonmán é a entidade organizadora deste evento, financiado pola Deputación da Coruña, e que contará coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela e do Concello de Santiago de Compostela.

A Copa 5×5 de Balonmán na Rúa Deputación da Coruña consolidouse como unha das actividades con formato máis innovador e vistoso do deporte galego. Nacida no ano 2023, suma xa 20 probas celebradas na provincia, polas que pasaron máis de 8.000 nenos e nenas.

Ao longo das súas tres edicións, a Copa visitou os concellos de Carballo, Cerceda, Pontedeume, Culleredo, Ribeira, Ferrol, Camariñas, A Coruña, Sada, Negreira, Zas, Oroso, Cedeira, Santa Comba, Narón, Carnota e Noia, entre outros, e agora chega ao seu punto final en Santiago de Compostela.

Os resultados están a ser moi positivos para o balonmán galego. Xurdiron novos focos de práctica en forma de club ou escola municipal en localidades como Ribeira, Cerceda ou Negreira; ademais, están en proxecto novas escolas en Carnota, Noia e Cedeira.

Durante as últimas semanas, a Federación Galega de Balonmán realizou accións de promoción en distintos centros educativos da cidade compostelá. A día de hoxe xa hai 14 equipos inscritos procedentes de diferentes colexios, á espera de que se sumen máis participantes. Calquera neno ou nena de entre 7 e 11 anos poderá participar aínda que non dispoña de equipo, xa que a organización se encargará de asignarlle un para que poida gozar da experiencia do balonmán.

A competición desenvolverase de venres a domingo, e cada participante recibirá unha equipación hummel só por participar.

As inscricións permanecerán abertas ata o xoves ás 23:00 horas e poderán formalizarse a través da páxina web da Federación Galega de Balonmán no seguinte enlace:

https://balonmano.misquad.es/detalle_inscripcion_actividad.php?id_actividad=MjA%3D#