ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA OS CURSOS DE ÁRBITRO INICIACIÓN/ASPIRANTE E DE ANOTADOR/CRONOMETRADOR

Novos cursos para árbitros/as e anotador(a)/cronometrador(a). A Federación Galega de Balonmán abriu o prazo de inscrición duns cursos de anotador/cronometrador e de árbitro de iniciación, que se realizarán de forma on-line, co obxectivo de favorecer que as e os interesados poidan realizar esta formación dende casa e adaptado ás súas posibilidades horarias.

Curso árbitro/a iniciación/aspirante. O curso divídese en dúas fases, unha de iniciación (BM5) e outra de aspirante (BM7) cunha única matrícula. A primeira fase teórica desenvolverase dende que se xunte un grupo de 20 persoas (iniciación BM5). A segunda fase teórica celebrarase uns meses despois, con datas pendentes de confirmar.  O curso terá unha carga lectiva de 162 horas, das cales 120 serán en prácticas. O prazo de inscrición vai do 19 de novembro ao 31 de decembro e para poder realizalo o interesado/a ten que ter os 14 anos cumpridos.

A finalidade deste curso é que o alumnado adquira os coñecementos e habilidades necesarias para obter a titulación federativa e poder arbitrar na FGBM. Para superalo, hai que aprobar as dúas fases do mesmo. O alumnado durante a tempada 2020/21 terá a consideración de árbitro en prácticas. Será na  tempada seguinte (2021/22) cando se lle considere árbitro aspirante da FGBm, pasando a formar parte da plantilla arbitral galega.

Neste enlace podedes informarvos sobre o curso e realizar a preinscrición.

Curso anotador(a)/cronometrador (a). O período de inscrición vai do 19 de novembro ao 10 de xaneiro e o curso aínda non ten as datas de celebración determinadas, para o apartado teórico (16 horas). As prácticas, 60 horas.

Para poder realizar este curso debes ter 16 anos e contar co título de graduado en Educación Secundaria.

No seguinte enlace tedes toda a información ao respecto deste curso.

E non esquezades que para facer a preinscrición, debedes estar afiliados no sistema Misquad. No caso de que non esteades afiliados, deberedes realizar previamente o proceso de afiliación na páxina principal da web ( https://hub.misquad.es/misquad-balonmano/) e posteriormente xa poderedes facer a preinscrición. Unha vez que tanto a afiliación como a súa preinscrición sexan validadas polo administrador, teredes acceso ao curso na vosa área privada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *