ASÍ FOI A XORNADA PARA OS NOSOS EQUIPOS

Imos facer un repaso á actuación dos nosos equipos a pasada xornada nas diferentes categorías nacionais. Houbo un pouquiño de todo, boas e malas noticias, pero sobre todo a ilusión por seguir mellorando e crecendo.

Liga Asobal

O aspecto positivo desta xornada na Liga Asobal foi o empate acadado por Frigoríficos do Morrazo BM Cangas na súa visita a Cuenca. O mellor, foi como chegou ese punto. Última posesión, perfecta execución e gol case no último segundo para acadar un empate.

No outro extremo está a inesperada derrota do Dicsa Modular Cisne en casa contra o Bada Huesca (24-31). Os de Jabato non tiveron o seu mellor día, pero xa pensan no seguinte partido, á volta da esquina.

Non houbo competición feminina, xa que houbo semana de concentración cos combinados nacionais

División de Honra Prata (masculina e feminina)

Na División de Honra Prata masculina, un pouco de todo: Gran vitoria do Acanor Novás Valinox contra o filial azulgrana; importante empate de Teucro na súa visita a Sarriá e derrota do Disiclín Balonmán Lalín ante o San Martí en Barcelona.

Na categoría feminina, houbo dous partidos de rivalidade (Carballal-SAR Rodavigo e Lavadores-Asmubal Meaño) con triunfo dos conxuntos locais, Pola súa banda o Rubensa BM Porriño caeu ante o Zonzamás (21-28).

Primeira Nacional Masculina

Cun total de doce equipos galegos é obrigado que teñamos partidos de rivalidade. Nesta primeira xornada houbo catro, con triunfos de Calvo Xiria, Balonmán Cañiza, Carnes do Ribeiro e Rodosa Chapela. Ademais, tivemos dúas vitorias galegas contra equipos canarios (venceron Lavadores e Magope Seis do Nadal) e caeu o OAR Coruña na casa contra o Gourmet Ampate Lanzarote. Por último, sinalar que se aprazou o choque do Bueu, ante a imposibilidade que tiña de poder viaxar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *